3,6 millóns de euros para impulsar o emprendemento feminino
Emprego e Igualdade duplicará en 2021 os apoios ao programa Emega
O III Encontro das emprendedoras ten como obxectivo formar a rede Emega para dar voz e visibilidade ás emprendedoras, coñecer a actividade empresarial liderada en feminino e ofrecer a oportunidade de crear unha rede profesional que fortaleza ás empresas. O obxectivo é inspirar a outras mulleres no camiño do emprendemento.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana puxo en valor a posta en marcha desta rede e apuntou que as Contas de Emprego e Igualdade destinarán o próximo ano máis de 3,6 millóns de euros aos apoios do Emega, o que supón máis do dobre que en 2020 (+108%) co reto de seguir aproveitando a potencialidade das mulleres galegas e, así, continuar creando novas oportunidades de negocio no terreo da innovación, das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e no medio rural, entre outros. “O progreso das mulleres é o progreso de todos”, sinalou a conselleira e reiterou que para o Goberno galego é unha prioridade seguir avanzando na igualdade de oportunidades.
Liñas de actuación
Emega inclúe catro liñas de actuación para apoiar a aquelas mulleres emprendedoras que desexen materializar as súas ideas empresariais, contribuíndo tamén á creación de novos postos de traballo femininos. Así, conta coas axudas da liña Emprende destinada á posta en marcha de novas empresas; Innova para a promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres; Activa que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; e ITEF que se centra na posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica.
O programa, ademais, ofrece dúas modalidades de axudas complementarias: Concilia, de apoio á conciliación da vida laboral, persoal e familiar; e Dual para impulsar a participación das promotoras no programa de titorización co obxectivo de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais. Na edición de 2019 este servizo de titorización e asesoramento fíxose extensivo ao 100% das mulleres que recibiron as axudas do Emega.
Este programa tamén foi incorporando outras melloras ao longo dos anos como as que se introduciron en 2020 para adaptar as axudas á situación creada pola covid-19 e, así, minimizar os efectos da crise sanitaria. De feito, a iniciativa contou este ano con maior orzamento da súa historia, o que permitiu apoiar 197 iniciativas empresariais de mulleres e a creación ou mantemento de 324 postos de traballo femininos.