Para 2023 está dotado con case 4 millóns de euros de orzamento
Emega apoiou 1.480 proxectos de emprendemento feminino nos últimos 13 anos
Emega, con 27 anos de traxectoria, permitiu nos últimos trece anos, cun aumento no seu orzamento do 203 %, o apoio a 1.480 proxectos de emprendemento feminino, a creación de 2.084 empregos femininos novos e a consolidación doutros 648, todos eles de carácter indefinido. En total, 2.732 novos postos de traballo para mulleres.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, explicou que este programa está cualificado como boa práctica pola Unión Europea e anunciou que para 2023 contará cun investimento de case 4 millóns de euros para conceder unhas 300 axudas distribuídas en catro liñas diferentes: Emprende, para aposta en marcha de iniciativas; Activa, para a reactivación, consolidación ou implantación de medidas innovadoras en empresas xa creadas; ITEF, para impulsar iniciativas de carácter tecnolóxico; e Concilia, complementaria ás tres anteriores, para apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
A conselleira sinalou que con iniciativas como Emega estase a incrementar e consolidar a presenza feminina no tecido empresarial galego, o que supón, nas súas palabras, “un gran avance colectivo e unha maior prosperidade para a comunidade galega en todo o seu conxunto”.