O programa apoia os proxectos de 13 emprendedoras galegas

Educalecrín e Maga de Voz comparten o 1º premio do Olympe Emprende

As cooperativas Maga de Voz, da Guarda, e Educalecrín, de Lalín, foron premiadas como mellor proxecto na primeira edición do programa Olympe Emprende. Promovido por Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop, o seu obxectivo foi impulsar o emprendemento feminino no eido da economía social e solidaria.
Educalecrín e Maga de Voz comparten o 1º premio do Olympe Emprende
Integrantes do xurado de Olympe Emprende coas responsables dos proxectos premiados.
Integrantes do xurado de Olympe Emprende coas responsables dos proxectos premiados.Integrantes do xurado de Olympe Emprende coas responsables dos proxectos premiados./ISA A MUEBLERÍA.

Olympe Emprende pecha a súa primeira edición en Galicia con 76 horas de formación en liña, 12 de acompañamento personalizado, 16 de xeración de comunidade grupal e máis de 15 de networking co obxectivo de coñecer a modelos referentes e intercambiar coñecementos coas participantes do programa en Estremadura. Estas actividades foron enfocadas e adaptadas ás 13 emprendedoras participantes, procedentes da Guarda, Vigo, Arbo, Lalín, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Vilar dos Santos.

A través desta rede mentora e de acompañamento, as emprendedoras puideron traballar todos os aspectos dos seus negocios con impacto social (desde o propotipado, ata o plan comercial, económico e financeiro ou de márketing) e coñecer recursos que faciliten a financiación do proxecto ou a xestión de equipos, dando lugar a nove iniciativas, catro xa en activo baixo a fórmula cooperativa.

Entre elas podemos atopar a de Fogares Sanxe, unha solución residencial para as persoas con diversidade da comarca do Baixo Miño que xestionen elas mesmas e lles permita vivir de forma independente; Maga de Voz, enfocada nas artes escénicas, principalmente no canto e a música, coa máxima de fomentar o benestar das persoas e a busca da súa propia voz desde o apoderamento e a modernidade; ou Educalecrín, unha aposta pola educación en diferentes materias (cursos, obradoiros de relacións saudables, medio ambiente, equidade de xénero, etc.) que nos axuden a vivir en equilibrio con nós, coas persoas que nos rodean e a natureza. Estas dúas últimas foron premiadas como mellor proxecto, compartindo o primeiro posto, polo seu impacto social e adherencia aos principios da economía social. O galardón, dotado de 1.200 euros para cada iniciativa, supón un importante apoio para estas cooperativas.

Xornada de peche do Olympe Emprende

O CERSIA Empresa, en Compostela, acolleu a última sesión da I Edición do Olympe Emprende. A primeira hora tivo lugar a sesión de valoración do programa da man das participantes e as cooperativas promotoras. A continuación, cara ao mediodía, celebrouse o acto de peche ca mesa redonda ‘Emprendedoras na economía social galega’, na que interviñeron mulleres referentes do sector como Rocío Rodríguez, secretaria técnica da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), Silvia Alende Fandiño, xerente de Accede Social e directiva de Cegasal; Emi Candal Bouzas, socia de Urdime e responsable da Sectorial de Cultura da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop; e Pilar Rodríguez Suárez, socia de Dehistoria.

Tamén se fixo entrega dos diplomas e premios por parte do xurado desta primeira edición, conformado por Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; Carme Casado Casado, da Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago de Compostela; e Eva López Barrio, responsable do Programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela. Todas elas puxeron de relevo o labor do Olympe Emprende a prol da creación de proxectos galegos femininos e feministas que poñen a vida no centro.

A economía social segue a medrar na nosa comunidade e hoxe en día xa representa o 7% do PIB. Trátase dun sector no que se antepón a creación de emprego estable, a defensa dos coidados, a xestión democrática e o compromiso co territorio sobre os intereses do capital, demostrando que a sostibilidade social, medioambiental e económica van da man.

Inscricións para a II Edición do Olympe Emprende

A segunda edición do programa Olympe Emprende desenvolverase desde febreiro ata principios de xullo de 2022. Pódense presentar iniciativas que se atopan nunha fase inicial (ideas de negocio que non se iniciaron e que se atopan nunha fase de desenvolvemento mínimo, sen necesidade de definir un modelo de negocio). As inscricións están abertas ata o 31 de decembro.

O Olympe Emprende forma parte da convocatoria POISES, promovida pola Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES) como órgano intermedio do Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación (POEFE) do Fondo Social Europeo (FSE). Todas as accións son gratuítas e están cofinanciadas polo FSE.
 

Educalecrín e Maga de Voz comparten o 1º premio do Olympe Emprende