Resultou premiada entre un total de 11 proxectos emprendedores
A cooperativa Vélaro, Premio ao Emprendemento Agroalimentario da Fundación Juana de Vega
A Fundación Juana de Vega concedeu o seu I Premio ao Emprendemento Agroalimentario á cooperativa Vélaro, que resultou seleccionada entre un total de 11 proxectos desenvolvidos ao abeiro do seu Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias.
Este programa, que ten como lema 'Tecendo o futuro da Galicia rural', ofrece asesoramento especializado, intensivo e gratuíto a empresas e emprendedores do sector agroalimentario para poñer en marcha a súa idea, recuperar unha explotación familiar ou impulsar un negocio en activo que precise abordar procesos de crecemento ou de consolidación.
Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación, sinalou que “o apoio aos emprendedores é unha tarefa central para a Fundación Juana de Vega. Son axentes dinámicos da sociedade civil que crean riqueza. Eles aprenden aquí a consolidar e facer crecer as súas iniciativas e nós aprendemos deles novas oportunidades de mellora do noso mundo rural”.
No encontro, expuxéronse os 11 proxectos deste ano e tamén se presentaron a potenciais proveedores, clientes, financiadores ou incluso asociados clave.
I Premio ao Emprendemento Agroalimentario
A cooperativa Vélaro, de produtores de ovino e de caprino, resultou galardoada co I Premio ao Emprendemento Agroalimentario, e no que tamén eran candidatos a recuperación do porco silleiro na aldea modelo de Penedo (Boborás); 'Color Caléndula' para cría combinada de peixes e cultivo de hortalizas a través do método da acuaponía (Vilalba); 'Porto do Corgo' para transformación de derivados da castaña (A Capela); e 'Raquel Biskaia', de produción de viño natural e de autora (O Bolo).
O xurado, integrado por José Luis Cabarcos, director da Agacal (Axencia Galega de Calidade Alimentaria); Patricia López, xefa do servizo de Fomento do Emprendemento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; José Manuel López, director comercial de Caixa Rural; Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega; José Manuel Suárez, coordinador do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias; e Loly Martínez, titora do mesmo, valorou a iniciativa desenvolta por esta entidade de economía social para profesionalizar o sector e mellorar o seu impacto social en toda Galicia.
Vélaro, constituída en 2011, agrupa a case un centenar de produtores das 4 provincias e é a única cooperativa de ovino e caprino en Galicia. O galardón está valorado nun cheque equivalente a 3.000€ en sesións de apoio con mentores durante 5 meses.
Un Programa con implicación 100%
Nestes once anos, o Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias foi evolucionando e adaptándose á demanda da sociedade e das necesidades das persoas.
Unha proba do seu éxito é que máis do 92% das iniciativas acompañadas ata o momento manteñen a súa actividade aos tres anos de vida, unha cifra superior á media de supervivencia das empresas emerxentes en España. “Son datos moi bos, que poñen de manifesto que os proxectos empresariais vinculados ao rural, vinculados á terra, son máis resilientes ca outro tipo de iniciativas”, valorou José Manuel Andrade, que ademais destaca “o elevado nivel de compromiso dos participantes”.
As inscricións para a edición do 2024 estarán abertas ata o próximo 5 de decembro. Poderán anotarse emprendedores ou empresas relacionadas co sector agroalimentario, marisqueiro, forestal ou pesqueiro, ademais da bioeconomía, proxectos de base tecnolóxica ou servizos relacionados.