Novas convocatorias para rexistrar proxectos de cine e televisión
O Clúster Audiovisual Galego abre convocatorias da súa incubadora e o seu pitching
O Clúster Audiovisual Galego vén de abrir novas convocatorias da súa incubadora, INCUBA, ata o 30 de xuño, e do seu pitching, "I+P, Ideas para Producir", ata o 2 de outubro.
INCUBA, a incubadora de proxectos de cine e televisión I+P, é unha iniciativa do Clúster Audiovisual Galego, que conta co financiamento do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Cultura y Deporte.
Nesta segunda edición, serán seis os proxectos audiovisuais seleccionados entre os profesionais e empresas participantes: tres longametraxes de ficción ou documental, dúas series de ficción ou documental e unha longametraxe ou serie de animación.
O obxectivo de INCUBA é a incubación e mellora significativa de proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultaría. O comité de selección que avaliará e escollerá os proxectos presentados estará constituído por tres membros da industria audiovisual de recoñecido prestixio e con carreiras consolidadas.
Nesta convocatoria, aberta ata o 30 de xuño, poderán inscribirse proxectos de produtores con domicilio social ou residencia en España que conten no seu equipo de traballo con alomenos un guionista. A dotación económica de cada proxecto é de 15.000 euros para completar a fase de desenvolvemento. Ademáis, o Clúster costeará a viaxe, o aloxamento e a manutención a un representante por cada proxecto de fóra de Galicia, no caso de residir noutras comunidades autónomas.
Na edición deste ano, contaráse con expertos directores, guionistas e produtores de ampla traxectoria profesional no sector audiovisual que asesorarán aos participantes e orientarán os seus proxectos.
Pitching
Por outra banda, o Clúster Audiovisual Galego ten aberto tamén o prazo para rexistrar proxectos para a 17ª edición do pitching “I+P, Ideas para Producir” e que rematará o 2 de outubro. Este foro ten como obxectivo poñer en contacto a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión. Desta maneira, pódense establecer alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión e plataformas. O pitching “I+P, Ideas para Producir” convértese así nun encontro de referencia para os profesionais do sector a nivel nacional.
Nesta edición, que se celebrará na Coruña os días 30 de novembro e 1 de decembro, serán 18 os proxectos de cine e televisión seleccionados. O “I+P, Ideas para Producir” colabora de novo coa Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e coa Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) co obxectivo de favorecer a participación dos membros de ambas asociacións cunhas condiciones preferentes.
Ambos programas, que están patrocinados pola Axencia Galega das Industrias Culturais, contan tamén co apoio do Igape e coa colaboración do Concello da Coruña.