Segunda edición de Empreamar
O Campus do Mar e o Concello de Moaña buscan vocacións emprendedoras ligadas aos recursos mariños
Para impulsar a creación de novas ideas empresariais e aproveitar de maneira sostible os recursos dispoñibles, o Concello de Moaña promove xunto co Campus do Mar a segunda edición do programa de formación e emprendemento Empreamar.
Trátase dunha iniciativa que arranca cun proceso de formación, que botará a andar en marzo, e do que se seleccionarán as ideas con máis potencial, que pasarán a unha fase de incubación.
O obxectivo é facer agromar iniciarivas empresariais e de autoemprego que se implanten na contorna de Moaña, localidade que forma parte do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro 7, Ría de Vigo–A Guarda. A primeira parte do programa, centrada na formación en emprendemento, ofrece 20 prazas e os interesados poden inscribirse ata o martes 28 de febreiro. Segundo explica Cristina Quelle, coordinadora da área de Transferencia do Campus do Mar, a día de hoxe hai arredor de 25 inscricións e, unha vez peche o prazo, a organización fará unha selección en base a criterios como, por exemplo, o concello de empadroamento ou a situación laboral, entre outros. “No programa poden inscribirse persoas con todo tipo de perfís e idades, xa sexan emprendedoras ou desempregadas, persoas que teñan vinculación co mar, traballadores do sector da pesca ou doutro sector”.
O programa divídese en catro fases diferenciadas e impartirase en instalacións do Concello de Moaña. As dúas primeiras son eminentemente formativa, comezarán a mediados de marzo e prolongaranse ata o segundo semestre de 2017. A formación centrarase no emprendemento e axudará aos inscritos a coñecer as claves para pór en marcha unha idea de negocio relacionada con mar. Esta preparación, totalmente práctica, será impartida tanto por persoal das diferentes entidades que colaboran co Campus do Mar como por persoal propio da Universidade. “Abordaranse temas relacionados tanto co proceso de creación e xestión dunha empresa como coa comunicación e a mercadotecnia, o traballo en equipo e os valores do emprendemento, os programas de axudas e subvencións dispoñibles para os proxectos, así como preparación máis específica sobre os recursos mariños da zona e o encadramento no aspecto socioeconómico do territorio” aclara a coordinadora da área de Transferencia do Campus do Mar.
Selección de proxectos
Para as dúas últimas fases farase unha selección dos seis proxectos máis prometedores, que participarán nunha fase de preincubación e asesoramento científico-técnico personalizado por parte do persoal do Campus do Mar. “Nesta última fase os e as participantes disporán de espazos físicos gratuítos nas instalacións municipais do Concello de Moaña para desenvolver as súas ideas de negocio durante varios meses baixo a titorización do equipo de traballo do proxecto” aclara Cristina Quelle.
Salienta que participar en Empreamar é unha oportunidade única, xa que se trata dun proceso formativo integral no que o emprendedor ou emprendedora, a través dunha metodoloxía práctica, consegue obter coñecementos, ferramentas e metodoloxías en diferentes eidos necesarios para pór en marcha unha iniciativa de negocio de ámbito mariño. Quelle explica que “traballarán de xeito específico as habilidades e competencias para o mundo real e o xeito de aprender é ‘facéndoo’. As persoas que participan no proceso enfróntanse a posibles desafíos e situacións que terían que resolver, obtendo os resultados que conseguirían se o seu labor se desenvolvera na práctica da vida real. Ademais, o programa contempla xornadas de contacto con casos de éxito e fracaso, formación en recursos mariños da contona e o escenario socioeconómico do territorio para a identificación de ideas de negocio viables”.