Busca solucións innovadoras para os retos do sector alimentario
BFFood abre a convocatoria da súa VI edición
Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada por Clusaga, vén de abrir o proceso de selección de proxectos para optar a formar parte da súa VI edición.
Mediante esta iniciativa, BFFood busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos plantexados polas empresas do sector da alimentación: dixitalización e automatización; rastrexabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización.
Das propostas presentadas, seleccionaranse 16 proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais coma internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria galega. Destes 16 proxectos, dez iniciativas serán para o programa de aceleración e seis para o de consolidación.
A aceleradora BFFood está xestionada por un consorcio liderado por Clusaga no que tamén participan as tres universidades galegas, Agaca, Anfaco Cecopesca e Feuga. Dende a súa posta en marcha no 2019, a aceleradora ten impulsado 61 proxectos das 288 candidaturas recibidas, o que permitiu a creación de 26 novas compañías e a xeración de 200 empregos cualificados.
Todos aqueles emprendedores, novas empresas, spin offs e startups interesadas poderán presentar as súas candidaturas ata o 15 de novembro.
Dúas modalidades
En ambas modalidades, BFFood ofrece coaching, formación especializada, acceso a infraestructuras científico-técnicas e servizos avanzados, mentoría dos líderes do sector, financiación directa e acceso a inversión, así como a unha rede de netoworking no ecosistema de innovación alimentario.
A modalidade de aceleración, de nove meses de duración, ofrece apoio integral e especializado no sector alimentario para iniciativas emprendedoras na súa fase inicial, que estean desenvolvendo un produto ou servizo mínimo viable e esbozando un modelo de negocio, e non teñan máis de cinco anos de antigüidade. Ademáis, os proxectos desta categoría poderán acceder a unha financiación de 25.000€ a fondo perdido por parte de Gain, así como a un préstamo participativo de ata un máximo de 50.000€ a través de XesGalicia.
A modalidade de consolidación, de doce meses de duración, ofrece apoio integral e especializado no sector alimentario para empresas xa constituídas, cun produto ou servizo definido e aliñado con algún dos retos do sector, e cuxa antigüidade sexa de máximo sete anos. Neste caso, os proxectos poderán acceder a un préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia.
Demoday da IV Edición e Infoday da VI Edición
Finalmente, BFFood realizará dous eventos para presentar os resultados obtidos polos 13 proxectos impulsados na súa cuarta edición, e tamén para dar a coñecer os beneficios de participar na sexta. Serán o IV Demoday e VI Infoday, respectivamente, que terán lugar o próximo martes 10 de outubro no edificio Feuga en Santiago de Compostela. O evento, ademáis, permitirá facer networking e abordar desde distintas perspectivas a innovación, o emprendemento e os futuros retos do sector alimentario.