A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aproba o proxecto EmprendOu
Axudas de 675 euros ao mes para mozos que emprendan en 82 concellos do rural ourensán
A Deputación de Ourense pon en marcha a primeira iniciativa en España aprobada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública para afrontar o reto demográfico: axudas para proxectos empresariais e autoemprego en pequenos concellos rurais.
A Xunta de Goberno da Deputación ourensá vén de aprobar o concurso para a concesión de axudas para proxectos empresariais ou de autoemprego en municipios rurais de menor poboación, no marco do proxecto EmprendOu, financiado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ).
O proxecto EmprendOU, impulsado pola Deputación de Ourense, obtivo unha axuda na convocatoria de axudas efectuada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública. EmprendOU contén medidas de apoio á nova actividade empresarial para que o colectivo formado por persoas entre 16 e 30 anos consiga crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan “municipios elixibles”, en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.
A súa finalidade é incrementar as posibilidades de desenvolvemento profesional da poboación máis nova, aumentar o atractivo do mundo rural entre o público destinatario destas axudas e provocar un “efecto chamada” por parte da provincia de Ourense cara a persoas mozas con mentalidade emprendedora que poidan querer residir na provincia de Ourense freando así as altas porcentaxes de despoboamento no rural da provincia de Ourense e aumentando as ferramentas de loita contra desafío demográfico.
A dispoñibilidade orzamentaria para este programa de emprendemento supera os 2 millóns de euros, sendo a contía da axuda concedida ás persoas beneficiarias deste Proxecto de 675 euros por cada mes de exercicio efectivo, cun mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses. O obxectivo para o 2019-2020 é, de acordo á dispoñibilidade orzamentaria, crear 250 empresas de mozos en 82 concellos para afrontar o reto demográfico da provincia.
Punto de Atención ao Emprendedor
Para o desenvolvemento deste proxecto, a Deputación de Ourense porá en marcha un Punto de Atención ao Emprendedor, en convenio co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Este PAE será un soporte que facilitará a creación de novas empresas, o inicio efectivo da súa actividade e o seu desenvolvemento, a través da prestación de servizos de tramitación de documentación e apoio, permitindo a creación da empresa nos municipios máis rurais en tan só 48 horas.
As persoas destinatarias do Proxecto EmpredOU serán os mozos de entre 16 e 30 anos, non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, independentemente do seu nivel formativo, e que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo. Ademais, deberán residir durante todo o período de vixencia da axuda nalgún dos “municipios elixibles”, podendo participar tanto a mocidade xa residente como aquelas que retornen ou se instalen nestes municipios.
Os interesados en participar na convocatoria poderán presentar as súas solicitudes en calquera momento desde a publicación desta convocatoria ata o 30 de novembro de 2019.