29 e 30 de setembro
33 startups daranse a coñecer no próximo Pont-Up Store
A décima edición do encontro de emprendemento Pont-Up Store, que terá lugar o 29 e 30 de setembro en Pontevedra, servirá de presentación para 33 startups galegas que propoñen solucións “sostibles a diferentes retos e en sectores moi diversos”, segundo explican desde a organización.
En total, esta edición de Pont-Up Store acudirán 33 startups galegas, 32 con postos no encontro e seis no talent show Pont-Up Exprés, ao que se sumarán outras iniciativas empresariais para completar un total de sete ideas de negocio que recibirán a retroalimentación do xurado.
Dos proxectos presentados, un 75% ddeles están liderados por mulleres, precisan desde a organización. En canto á distribución xeográfica, mantense a tendencia das últimas edicións cunha porcentaxe maior de iniciativas procedentes do rural, que alcanza o 55% fronte ao 45% que teñen a súa base nas cidades. Por provincias, un 60% proceden de Pontevedra e o resto repártense entre Lugo e A Coruña.
En canto aos ámbitos das propostas, o compromiso ambiental está presente en case todas as iniciativas (como Aventura Plástica, Green Impact Soul e Luxsit). Tamén destaca nesta edición o ámbito das consultarías (coa presencia de Sisubvenciones, Insono e Nexus), das enxeñarías (Fuocoair e Naboo Solutions), o coidado persoal (Alloa, Eco Siolaz e Miraki Home), o turismo (Barvantia, Brétema Studio e La Cuerda Floja) e a educación (Cousiñas, Donde Viven los Cuentos e Na Utopía). Ademais, o sector do téxtil, os complementos e a decoración volve contar con destacadas iniciativas (Tombo bags, Ana Freiría, Aow Surfskate, Bela Furtiva, 5special, Blaurtopías, Julia Vilariño, Néboa na ría, Faísca, Sarai Lorenzo Ilustración e Vic Art Taller Creativo) e a alimentación aparece como un dos máis innovadores (con iniciativas como Landratech, Outro Conto, Rural o Urbano e Zumiño).
Pont-Up Exprés
Dentro do encontro, Pont-Up Exprés perfílase “un ano máis como unha das actividades máis atractivas, que facilita o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego cun formato dinámico e áxil”, a través de presentacións de cinco minutos de duración, detallan os organizadores. Ao final da exposición de cada proxecto, o xurado fará unha valoración a partir dos criterios relacionados coa súa experiencia e sector de actividade. Este talent show permitirá a sete iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado que nesta edición estará integrado por Luis Lopez-Boado, director xeral Pereira Productos del Mar; Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Daveiga Producións; Maite Rodríguez, responsable de deseño en Finsa; e Ana Olveira, socia de Abeluria e presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop.
As empresas seleccionadas nesta edición son: a marca galega de roupa e pezas de vehículos 5special, onde as viaxes, as motos e o surf son a base da inspiración; o espazo infantil Donde Viven los Cuentos, para nenas e nenos de cero a nove anos con actividades para toda a familia; o proxecto Landratech, que pon en valor o aproveitamento das landras ou belotas para consumo humano a través de produtos como fariñas, café e té fabricados a partir de landras; a empresa de desenvolvemento de software Lareira Digital, focalizada no software aberto e libre así como noutras áreas de desenvolvemento coma hardware, IoT, videoxogos, etc; a proposta de Luxsit, que crea espectáculos de luces personalizados con enxames de drons sostibles como alternativa aos fogos de artificio; os produtos de madeira creados por Néboa na Ría para un estilo de vida sinxelo e pausado; e as creacións de Tombo Bags, onde deseñan e confeccionan bolsos e complementos a partir de velas de barco reutilizadas.
O Pont-Up Store cumple este ano dez edicións. Trátase dunha iniciativa da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e do grupo de investigación G4 Plus de Desenvolvemento Estratéxico: Organizacións e Territorios, no marco do Campus Crea da UVigo.