As subvencións alcanzan os 45.000 euros por beneficiario
150 proxectos non agrícolas optan ás axudas do Galicia Emprende Rural
O programa Galicia Emprende Rural, da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de recibir máis de 150 solicitudes para impulsar proxectos non agrícolas de emprendemento no rural galego.
O obxectivo de Galicia Emprende Rural é reforzar a aposta polo emprendemento, desta volta a través dunha liña que aspira, unha vez máis, a estimular o tecido empresarial galego, fomentando a xeración de arredor de 200 empregos mediante o apoio á creación de empresas para actividades non agrícolas nestas zonas rurais.
Entre as actividades que Galicia Emprende Rural pretende impulsar figuran as de sectores como o TIC, prestación de servizos de enxeñería, arquitectura ou veterinaria, artesanía e comercio polo miúdo ou restauración.
O importe das axudas mínimas por beneficiario é de 20.000 euros e o das máximas é de 45.000. Os promotores que finalmente se beneficien desta liña de apoios desenvolverán os seus plans empresariais de negocio en 18 meses e recibirán un adianto do 60% da axuda concedida, logo da notificación da resolución e a acreditación de dito plan.
A liña, desenvolvida polo Igape e cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), suma xa tres convocatorias anteriores que permitiron impulsar 180 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos, coa concesión de axudas por importe de 11 millóns de euros vinculadas ao compromiso de creación e mantemento de máis de 450 postos de traballo por parte das iniciativas apoiadas.
O Galicia Emprende ten facilitado no período 2017-2021 a activación de 365 proxectos emprendedores que mobilizaron 54 millóns de euros.