A través de dúas liñas de axudas
A Xunta financiará a contratación de 350 persoas con discapacidade e 50 preparadores laborais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar dúas liñas de axudas á contratación por parte de empresas galegas de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión e dos seus preparadores laborais.
A Xunta reforza este ano o programa de apoio para a formación e contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social nas empresas galegas destinando un millón de euros coa estimación de financiar a contratación de 350 persoas e 50 preparadores laborais. Como novidades, ademais de aumentarse as contías das axudas, o programa este ano tamén vai dirixido a persoas en risco de exclusión social.
A iniciativa inclúe dúas liñas de actuación: axudas para o emprego con apoio e para a formación e contratación a tempo parcial, dando resposta a unha demanda deste colectivo.
Para o programa de emprego con apoio invístense 500.000 euros, case o triplo que na pasada convocatoria, para a contratación de 50 preparadores laborais nas compañías para prestar un acompañamento individualizado a 200 persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que traballen nas empresas en condicións similares ao resto dos traballadores. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia ata o 100% dos custos salariais e de seguridade social que se xeren durante o período de desenvolvemento do proxecto de emprego con apoio.
A contía base por preparador, que se calcula en función do número de persoas que se apoien e o grado e tipo de discapacidade, é de 3.500 euros como mínimo ata un máximo de 8.500 euros.
O apoio máximo poderá alcanzar os 19.500 euros por preparador, xa que o programa inclúe un incremento do 25% da axuda se a persoa contratada é muller; maior de 45 anos; emigrante retornado; e se o centro de traballo está emprazado no rural. Ademais, a Xunta financia con ata un máximo de 2.500 euros os desprazamentos dos preparadores.
O prazo de solicitude para o programa de emprego con apoio remata o próximo 10 de setembro.
Incentivos á contratación
O programa de incentivos á contratación a tempo parcial, co que se estima beneficiar a 150 persoas, tamén inclúe novidades. Aos incentivos á contratación únese un bono de formación opcional para as compañías de 1.000 euros por cada persoa contratada.
Con respecto ao bono para a contratación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 2.000 euros cada contrato sempre e cando a duración mínima sexa de seis meses. Esta cantidade aumentará un 25% se a persoa contratada é muller, maior de 45 anos ou emigrante retornado e no caso de que o centro de traballo estea emprazado no rural. Polo tanto, a axuda poderá alcanzar os 4.000 euros.
Esta iniciativa, que se pode solicitar ata o 15 de outubro, complementa ao programa da Xunta destinado á contratación a tempo completo das persoas con discapacidade nas empresas galegas, que conta cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros.