Os acordos están suspendidos desde 2009
Os sindicatos reclaman negociar un calendario para recuperar os acordos do persoal do Sergas
Delegados sindicais de Saúde CIG, CCOO, UGT, CSIF, SATSE e SAE concentráronse este martes, diante do edificio do Sergas en Santiago, para demandar ao conselleiro de Sanidade que convoque a mesa sectorial para negociar un calendario de recuperación dos acordos –retributivos, de condicións de traballo e carreira profesional- suspendidos desde o ano 2009.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembrou que estes acordos teñen rango de norma xa que foron publicados no DOG e “non poden estar suspendidos indefinidamente por decisión unilateral da administración”, máxime cando noutros ámbitos da administración pública si se están asinando acordos de equiparación salarial.
Para Abuín, se hai recuperación económica, como di o PP, “esta debería permitir recuperar as condicións económicas e laborais de todas as traballadoras e traballadores da administración pública”.
Obxectivo: partida nos orzamentos de 2018
O obxectivo das organizacións sindicais con esta mobilización, é desbloquear esta situación, negociar o calendario de recuperación e que no exercicio orzamentario de 2018 xa haxa unha partida destinada á recuperación destes acordos. “Por iso entendemos que este é o momento”. Os representantes sindicais advertiron que se non obteñen resposta do Sergas para sentar a negociar endurecerán as mobilizacións á volta do verán. En todo caso xa teñen convocada unha manifestación para o vindeiro día 14 de xuño en Compostela.