O 1 de febreiro
Os sindicatos do eido sanitario mobilízanse para demandar a recuperación dos acordos conxelados
Os sindicatos UGT, CCOO, CIG, SATSE, CSI-F e SAE convocan para este 1 de febreiro, a partir das 11.00 horas, unha concentración fronte á Consellería de Sanidade, na explanada do Sergas en Santiago, para demandar a recuperación dos acordos conxelados nestes últimos anos.
Concretamente, o persoal do Sergas denuncia os "graves recortes" que veñen sufrindo nas condicións de traballo e dereitos. Lembran que existe un Acordo retributivo e de condicións de traballo 2008-2012 que tiña como un dos seus principais obxectivos situar as retribucións no ano 2012, ao final do acordo, na media retributiva do conxunto das comunidades autónomas.
Executouse a parte correspondente aos anos 2008 e 2009 pero no 2010 suspendéronse unilateralmente, por parte da Xunta, os incrementos ligados ao 2010, 2011 e 2012, deixando así aos traballadores do Sergas por debaixo da media retributiva do resto das comunidades autónomas e prexudicando aos grupos con inferiores retribucións.
Outro punto forte do acordo, e que quedou no aire, era que se pasaba a ter en conta as condicións de traballo ligadas á penosidade (traballo a quendas, traballo nocturno, festividade, desprazamentos en vehículos propios, manutencións, traballo en sábados, gardas...), sobre todo en atención primaria e PAC.
"Nun escenario de recuperación económica non se entende que se negue un calendario de recuperación dos dereitos perdidos", salientan desde os sindicatos. Tamén urxen a negociación de todo o relativo á carreira profesional e denuncian o trato "discriminatorio" que se está a dar aos traballadores do Sergas ao aplicárselles un desconto do 50" durante os tres primeiros días da Incapacidade Temporal, en relación ao resto dos traballadores da función pública.