Este xoves volve reunirse a mesa de negociación
Sindicatos e patronal do transporte crean, por primeira vez, un Marco Galego de Negociación
Sindicatos e patronal do sector do transporte chegaron este martes ao acordo “histórico” de abrir unha mesa para alcanzar a un Acordo Marco Galego.
Segundo explicou o responsable do sector na FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, no escrito asinado, ambas as partes comprometéronse a negociar as dúas cuestións máis urxentes: os salarios dos catro convenios e a cuestión da subrogación. Pastoriza considera que “é en si mesmo un avance porque, independentemente do resultado, é a primeira vez que a patronal senta nun marco galego”.
Respecto das cuestións a abordar, Pastoriza indicou que aínda que xa hai cláusulas de subrogación nos convenios, cos cambios que se van introducir, tanto a parte social como a patronal coincidiron en que é necesario revisalas. “Cando se introduciron esas cláusulas de subrogación contábase con que algún dia houbera novos contratos, pero cun sistema parecido ao que hai agora, e o que presenta a Xunta é completamente diferente, polo tanto a forma de subrogar tamén será distinta, porque antes estaban separados os contratos de escolar dos contratos de liña, co cal antes falábase de porcentaxe de traballo nun sitio e noutro e agora iso temos que revisalo”.
O representante da FGMT-CIG sinalou tamén que no acordo acadado este martes se fixou a necesidade de revisar a cuestión salarial. Pastoriza sinala que os catro convenios están sen negociar e algún, como o de Pontevedra, está mesmo caducado desde 2011. Por iso, como condición previa para negociar “o que xa dixemos é que é condición sine qua non recuperar até este ano todos os IPC de cada convenio e negociar a maiores a suba salarial de 2017”.
Este xoves, día 6 de xullo, reunirase novamente a mesa de negociación ás 11:00 horas, no Consello Galego de Relacións Laborais.
Folga indefinida do transporte a partir do día 13
Doutra banda, os traballadores do sector de transporte de viaxeiros acordaron por unanimidade este martes convocar folga indefinida a partir do día 13 de xullo en protesta polo novo Plan de transporte público de Galicia. A decisión tómase coincidindo cunha nova xornada de paro na que o seguimento foi masivo, secundada polo 95% dos traballadores, segundo cifras dos sindicatos.
A Xunta de Galicia, pola súa banda, insiste en que o Plan de transporte público de Galicia velará polo futuro das pequenas e medianas empresas, predominantes no tecido industrial galego do sector. Así o manifestou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda na xuntanza que mantivo o martes á tarde cos representantes das catro federacións de empresas de transporte de Galicia, Anetra, Fegabús, Transgacar e Fegatravi. A conselleira insistiu en que este Plan é a única alternativa viable e legal para garantir que a partir do mes de agosto haxa servizos de autobús en gran parte do país e, polo tanto, se manteñan os empregos. Por ese motivo, os representantes da Administración autonómica convidaron novamente á patronal a construír en colaboración o futuro do transporte público en Galicia, con achegas concretas sobre o Plan de transporte, que continúa coa tramitación administrativa prevista.
Os representantes da Consellería de Infraestruturas e Vivenda tiñan previsto para este mércores un novo encontro coas centrais sindicais coa finalidade de abordar as cuestións que aínda lles preocupan sobre a estabilidade laboral,