Agardan que se estenda ao Convenio provincial de Metal da Coruña
UGT e CCOO asinan con Repsol un acordo que prevé incentivos para os traballadores que participen na parada técnica
As Federación de Industria de UGT e de CCOO, veñen de asinar un Acordo marco para desenvolver durante a parada técnica programada na refinería de Repsol-Coruña.
Este acordo establece un plus por desempeño que se aboará por parte das empresas que participen na devandita parada técnica aos traballadores, independentemente da súa categoría profesional, que interveñan neste proceso de parada, é dicir, que estiveran presentes no complexo petroquímico no momento da mesma.
Concretamente, o acordo establece un incentivo de 27,17 euros por día de parada, entre o luns e venres. Por traballos realizados en sábados, domingos e festivos o incentivo será de 59,77 euros por cada unha das xornadas. De forma adicional, á finalización da parada, aboarase un incentivo de 5,43 euros por día de parada, supeditado ao cumprimento dos índices de frecuencia, supeditados pola propiedade, e que serán comunicados aos representantes dos traballadores ao inicio da parada.
Para FICA-UGT e Industria-CCOO, este debería ser un paso previo á posible integración cunha achega similar dentro do Convenio provincial de Metal de A Coruña, o que impediría, a xuízo dos sindicatos, a competencia desleal entre as empresas que prestan os seus servizos nas diferentes paradas técnicas que se desenvolven nas instalacións de Repsol-Coruña.