Por eliminar así parte da representación do sindicato no comité provincial
A CIG protesta pola decisión do Grupo Santander de externalizar o Centro de Proceso de Datos de Orillamar
A CIG realizou este martes unha concentración diante do SMAC na Coruña en protesta pola decisión do Grupo Santander-Popular de externalizar o persoal do Centro de Proceso de Datos (CPD) de Orillamar.
Con esta medida, a CIG queda sen tres dos catro delegados cos que contaba no comité provincial e que formaban parte do persoal do CPD de Orillamar. "Na práctica, o banco está eliminando a presenza da CIG no comité e privando os traballadores e traballadoras de ter representación sindical efectiva ao suprimir a unha parte dos/as delegados/as electos. É dicir, a empresa está vulnerando un dereito fundamental", apuntaba Óscar Calvo, secretario da CIG-Banca na Coruña.
Recorda a CIG que o sindicato non asinou o ERE formulado o pasado ano no Grupo Popular que acordaba despedimentos nuns casos e externalizacións noutros da totalidade do cadro de persoal do centro de Orillamar. Entendía que non había motivos para aplicar un despedimento colectivo "máxime cando se están producindo contratacións a través de ETT en condicións precarias e existe sobrecarga de traballo; polo que, en todo caso, habería que proceder a unha reorganización dos cadros de persoal".
A CIG ten denunciado a actuación tanto no que ten a ver coa situación individualizada dos traballadores e a traballadora afectada, como polos prexuízos ocasionados á propia central sindical. Precisamente, a concentración realizouse no SMAC, coincidindo cos actos de conciliación previstos. Non obstante, non se chegou a ningún acordo xa que a empresa se negou a recolocar a este persoal dentro da rede propia do banco, explicaron desde o sindicato.
Engade Óscar Calvo que permitir este actuación do banco "suporía abrir un perigoso precedente para que as empresas eliminen ao seu criterio á representación de persoal máis combativa e polo tanto, que lles resulta máis molesta".
A central sindical oponse á externalización deste persoal nunha empresa -que a súa vez é propiedade do Santander-, posto que o traballo se sigue desenvolvendo no mesmo lugar e polas mesmas persoas. "Esta externalización, na práctica, implica conxelar as condicións laborais e salariais deste persoal, que deixa de estar rexido polo convenio de banca e polas melloras que se apliquen neste marco ao resto do persoal da entidade, e suporá que todos os novos traballadores e traballadoras que se incorporen ao Centro de Proceso de Datos farano en peores condicións", apunta o sindicato.