O conselleiro de Economía salienta que o programa está contribuíndo a crear emprego e fixar poboación no rural
Formación á porta ofrece cursos adaptados ás demandas das empresas en 27 concellos do rural
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou este martes na Cañiza, durante a vista ao curso Atención sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais enmarcado na iniciativa Formación á porta, que este programa está contribuíndo a crear emprego e fixar poboación no rural.
Neste curso participan un total de 10 alumnas que recibirán 468 horas de formación nun área que responde ás necesidades do tecido empresarial da súa zona, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e acadar a súa inserción laboral. Precisamente, segundo destacou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, este é o obxectivo de Formación á porta, ofrecer cursos adaptados ás demandas das empresas achegándoas ás zonas do rural onde non existen centros de formación homologados. O programa estase desenvolvendo nun total de 27 concellos a través de 32 cursos nos que participan 480 menores de 30 anos.
Formación á porta enmárcase no Plan de formación e emprendemento no rural que conta cun total de 10 medidas para chegar a 13.000 persoas e no que se invisten 30 millóns de euros en iniciativas como esta ou como Aprol Rural ou Galicia Rural Emprende.
O conselleiro salientou a aposta que o Goberno galego está a realizar pola formación, que considera a chave que abre as portas á mellora da empregabilidade. Así o orzamento deste ano, destinado tanto a formación como a orientación, chega ata os 135 millóns de euros.
Conde finalizou explicando a importancia da colaboración institucional, especialmente entre a Administración autonómica e local, para coñecer as demandas e necesidades do tecido empresarial de cada zona e deseñar un plan de formación adaptado. Neste sentido, tamén se referiu aos Concellos Emprendedores e lembrou que estes terán prioridade á hora de acceder a varias das liñas de axuda da Xunta, como é o caso destes cursos de Formación á porta.