Permitirá impartir 32 cursos en centros móbiles ou lugares habilitados
500 mozos desempregados do rural poderán acceder á formación á porta
A Xunta mellorará a cualificación de preto de 500 mozos e mozas do rural de Galicia grazas ao programa Formación á porta, que achegará cursos para desempregados a 27 localidades que non contan con centros homologados para impartilos.
En total, poranse en marcha máis de 30 accións a través de centros móbiles ou lugares habilitados polos concellos participantes. A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver as axudas desta iniciativa, que forma parte do Sistema de Garantía Xuvenil, e que se enmarca no plan pioneiro de formación para desempregados específico para menores de 30 anos que conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros para beneficiar a 1.440 mozos e mozas. No seu conxunto, a través deste programa levaranse a cabo 96 cursos entre este ano e o próximo. Destes, 32 terán lugar en 27 concellos con pouca densidade poboacional.
Con este plan activarase, polo tanto, por primeira vez en Galicia, a formación á porta, unha medida que forma parte do Plan de formación e emprendemento no rural co que a Xunta busca fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes. A finalidade do Goberno galego é achegar a formación ao territorio, crear emprego estable e fixar poboación no rural. Os alumnos e alumnas recibirán, ao rematar o curso, un certificado de profesionalidade con validez en toda España. As accións formativas centraranse en actividades con maiores índices de inserción laboral e o uso de novas tecnoloxías, axustándose ás necesidades do tecido empresarial de cada zona.
As axudas -das cales se informou este xoves no Consello da Xunta- van dirixidas aos centros formativos acreditados e/ou inscritos pola Xunta para ofrecer formación profesional para o emprego, xa sexan empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos. A convocatoria ten un carácter bianual para favorecer a realización de cursos máis complexos e cun maior período de duración.