Axudas para contratacións, actividades e investimentos
As liñas PEL-Pemes e PEL-Emprende da Deputación da Coruña reciben máis de dúas mil solicitudes
Un total de 2.233 pemes, autonómos e emprendedores da provincia da Coruña optan ás liñas de axuda PEL-Pemes e PEL-Emprende, incluídas no Plan de Emprego (PEL) da Deputación da Coruña.
En concreto, 655 empresas da provincia da Coruña presentáronse á convocatoria do PEL-Pemes, que subvencionará o 75% dos custes salariais das novas contratacións en empresas situadas nos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes, mentres que 1.578 iniciativas empresariais de recente creación dos 93 concellos coruñeses optan ás axudas do PEL-Emprende para actividades e investimentos.
Por comarcas, a meirande parte das solicitudes do PEL-PEMES proveñen da comarca de Ordes (12%), seguida da do Xallas (10%), Fisterra (8%) e Betanzos (8%). En canto ás axudas a emprendedores, a comarca coruñesa agrupa a maior parte das peticións, con 540 solicitudes o 34% do total, seguida da de Compostela (15%, 244 solicitudes) e Ferrol (10%, 163 solicitudes).
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou o éxito da convocatoria, cunha gran acollida entre as empresas e os emprendedores da provincia, que practicamente triplica as solicitudes do ano pasado. Formoso considerou que o elevado número de solicitudes rexistradas neste segundo ano de funcionamento do programa permitirá esgotar a totalidade dos fondos destinados ao PEL en 2018 e "cumprir os obxectivos formulados polo goberno provincial tanto na creación de emprego como no apoio a emprendedores".
30 millóns durante o mandato
O PEL naceu en 2016 como unha aposta estratéxica da Deputación da Coruña para fomentar a creación de emprego no sector público e privado e supuxo multiplicar por seis o investimento que a Administración provincial viña realizando nesta materia, cun investimento récord de 30 millóns de euros durante o presente mandato co obxectivo de apoiar a creación de de 3.000 postos de traballo directos. A día de hoxe, preto de 1.500 coruñeses e coruñesas atoparon xa un emprego ou obtiveron unha axuda para o seu negocio a través do Plan de Emprego.
O Plan de emprego da Deputación conta con tres liñas fundamentais destinadas a fomentar o emprego en concellos (PEL-Concellos), a contratación de persoal en pequenas empresas (PEL-Pemes) e a impulsar proxectos empresariais de recente creación (PEL-Emprende).