O programa integrado do Carballiño terá contiuidade
A nova convocatoria de programas integrados de emprego beneficiará a 4.800 desempregados
A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará un total de 48 novos programas integrados de emprego que chegarán a 4.800 desempregados.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou este venres o programa integrado de emprego do Carballiño, Carbaemprega 2017, unha iniciativa na que colaboran o Concello e a Xunta e na que preto da metade dos 85 participantes conseguiron xa encontrar traballo. Segundo salientou Conde, iniciativas como a desenvolta no municipio ourensán teñen por obxectivo incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas.
En concreto, os participantes en Carbaemprega adquiriron coñecementos de soldadura, operacións básicas de restaurante e bar, atención sociosanitaria, manipulador de alimentos e operador de carretilla elevadora, eidos que, tal e como fixo fincapé o conselleiro, trataron de adaptarse ás demandas laborais da zona para lograr un maior grao de inserción. Durante a visita, o conselleiro anunciou que se lle dará continuidade a esta iniciativa cun novo programa integrado de emprego no Carballiño, que chegará a un cento de veciños e alcanzará, cando menos, un 45% de inserción. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.
No conxunto de Galicia, a Xunta vai desenvolver nesta nova convocatoria un total de 48 programas integrados nos que participan 58 concellos e 24 entidades. O investimento ronda os 11 millóns de euros e está previsto que beneficien a 4.800 desempregados. A
Francisco Conde apuntou que é necesario deseñar programas formativos que se axusten á realidade económica e social de Galicia, o que se está a favorecer a través de iniciativas impulsadas pola Xunta como os cursos de formación para desempregados, a formación á porta ou os obradoiros duais, que se activaron este ano por primeira vez.