85 delas no PIE da Asociación de Empresarios do Deza
Os programas integrados de emprego especificamente femininos están a formar a 800 mulleres desempregadas en toda Galicia
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou este luns en Lalín, durante a súa visita ao Programa integrado de emprego feminino (PIE) da Asociación de Empresarios do Deza (Aedeza) a aposta da Xunta por incrementar a súa ocupación na Comunidade a través de PIE exclusivamente para mulleres
Un total de 85 veciñas de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces participan neste programa que se prolongará ata o mes de novembro e que, neste caso, consiste en talleres e clases de iniciación ao inglés, para mellorar a súa formación e, polo tanto, axudalas a atopar un posto de traballo, xa que se lles entrega un certificado de profesionalidade. Neste tipo de programas, as asistentes empregan as novas tecnoloxías, aprenden o manexo de páxinas e portais de emprego e reciben asesoramento personalizado e formación á carta. “A colaboración con Aedeza está permitíndonos orientar as nosas políticas activas de emprego cara a formación que realmente precisan as empresas, identificando os perfís profesionais que necesitan os negocios da comarca”, indicou o conselleiro.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou en 2017 un total de 9,5 millones de euros, un 40% máis que en 2016, aos Programas integrados de emprego que están beneficiando a 4400 persoas. A previsión é investir este ano 10,9 millóns de euros neste tipo de accións que pretenden dar aos beneficiarios as ferramentas precisas para poder acceder ao mercado laboral.
Cos PIE exclusivamente femininos, que están a beneficiar a 800 desempregadas e mulleres en situación de vulnerabilidade, a Xunta busca incrementar as cotas de emprego deste colectivo na Comunidade. Actualmente é a terceira autonomía con maior proporción de mulleres ocupadas, cun 47,8%.
Francisco Conde sinalou a importancia da colaboración público-privada para adaptar a formación que se está a ofrecer desde a Administración ás necesidades e novos perfís que demanda o mercado laboral e incidiu na cooperación entre a Xunta, os concellos e as empresas como a mellor ferramenta para que este tipo de iniciativas cheguen ao maior número de persoas e ofrezan as máximas garantías de inserción laboral.
Neste sentido, tamén convidou aos concellos a sumarse ao convenio da Xunta coa Fegamp para converterse en Concellos emprendedores e facilitar, deste xeito, os investimentos empresariais, permitindo unha redución da fiscalidade e unha simplificación da tramitación administrativa para facilitar que estes municipios teñan prioridade á hora de acceder a programas de axudas. Tal e como avanzou, Galicia xa conta con 47 Concellos emprendedores.