O sábado 25 voltará haber asemblea de traballadores
Unha manifestación sumarase ao paro deste martes en Pescanova
O cadro de persoal de Nueva Pescanova celebrará unha manifestación este martes en Vigo coincidindo coa segunda xornada de folga para reclamar "uns convenios colectivos dignos".
A manifestación arrincará de Vía Norte ás 10.00 horas e rematará na zona dos bancos no cruce de Colón, xa que as entidades crediticias “tamén son responsábeis da situación de conflitividade laboral que se vive na compañía”.
A marcha coincidirá coa segunda xornada de folga en Nueva Pescanova, despois do “éxito” que, salientan, tivo a celebrada o martes 14, que foi secundada pola práctica totalidade do cadro de persoal de elaboración e frigoríficos dos centros de traballo de Chapela e do Porriño, paralizando por completo a actividade na empresa.
Os representantes sindicais de CIG, CUT, UGT e USO adiantaron que a partir de agora intentarán darlle “eco social” a un conflito que “non é unicamente polo convenio de Pescanova, senón que ten que ver coa defensa das condicións laborais do conxunto do sector da Alimentación”. Así, promoverán o apoio solidario tanto dos Concellos de Redondela e do Porriño como dos comerciantes destas localidades, para o que repartirán carteis entre os establecementos.
O vindeiro sábado 25 haberá unha nova asemblea cos empregados para analizar o resultado das dúas xornadas de folga e decidir se a folga pasa a ser indefinida a partir do 4 de abril.