Segunda edición
Máis de cen profesionais asesoran o alumnado da USC a través do programa Mentoring
A Universidade de Santiago volve reunir, na segunda edición do programa Mentoring, máis de cen profesionais e persoal directivo de empresas da contorna con outros tantos estudantes de último curso de grao e mestrado co obxecto de que os primeiros lles presten orientación e apoio na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional.
Nesta ocasión súmase tamén o programa Mentoring Inclusivo USC no que participan unha decena de estudantes con discapacidade, unha iniciativa apoiada por Obra Social la Caixa.
Esta segunda edición deu comezo cun acto no Hostal dos Reis Católicos no que o reitor Juan Viaño agradeceu o papel dos mentores e mentoras. “O éxito ou o fracaso desta iniciativa radica na súa implicación e compromiso que, de xeito altruísta, con responsabilidade social e de futuro, teñen a xenerosidade de achegarnos”, díxolles. Pola súa banda, o programa reforzará a confianza do estudantado nas posibilidades profesionais de futuro á vez que a súa xuventude e coñecementos de vangarda “a bo seguro lle servirá de proveito ás empresas e profesionais”, asegurou.
Nesta primeira toma de contacto interviñeron tamén a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González.
Mentoring USC, que conta con financiamento do Consello Social da USC, busca reducir a incerteza do alumnado que rematou ou está a piques de rematar a súa etapa universitaria e carece de referencias para orientar axeitadamente o seu perfil ao mercado laboral.
Poden ser mentores calquera directivo, profesional ou emprendedor/a con preparación que estea disposto a dedicar unha parte do seu tempo a escoitar as inquedanzas dos estudantes e compartir coñecementos e experiencias. Comprométense a asistir ás sesións de presentación e clausura, na que os participantes compartirán os seus resultados e experiencias. Ademais manterán un mínimo de catro reunións coas persoas ‘mentorizadas’ no seu lugar de traballo ou por medios telemáticos durante os catro meses posteriores á presentación.
Pola súa banda, o alumnado deberá tomar a iniciativa para contactar co mentor e con el planificar os obxectivos deste período e finalmente valorar o desenvolvemento do programa e os resultados obtidos. Na primeira edición do programa o grao de satisfacción dos participantes alcanzou o 90%.