Programa da Deputación
Graduados en FP da Coruña poderán realizar prácticas en empresas europeas
A Fundación Axencia Enerxética Provincial (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, coordina un programa de inserción laboral para graduados en ciclos medios de formación profesional.
O proxecto, que forma parte do programa europeo Erasmus+, permitirá que un total de 50 mozos da provincia da Coruña realicen prácticas en empresas europeas durante un período de dous meses.
As prácticas están destinadas a graduados a partires de decembro de 2016 en ciclos de grao medio de electricidade, enerxías renovables, electromecánica de vehículos automóbiles, instalacións de telecomunicacións, micro-sistemas informáticos e redes, instalacións eléctricas e automáticas, climatización, instalacións de produción de calor, construción ou medioambiente. Poderán realizarse en Portugal, Italia ou Alemaña, onde se ofertan 22, 20 e 8 prazas respectivamente.
A través deste proxecto, a Deputación da Coruña pretende promover e completar a formación académica dos recentemente graduados, e facilitar a súa futura incorporación ao mercado de traballo.
Os centros educativos interesados en participar neste proxecto poden poñerse en contacto coa FAEPAC no teléfono 981 102 111 ou ben a través do correo electrónico planificació[email protected].