A sección sindical da CIG reclama á empresa que atenda as reinvidicacións
Folga de 24 horas na plataforma da Coruña de Atento
O vindeiro luns 17 de setembro, o comité de Atento ten convocada folga de 24 horas na plataforma da Coruña, nunha nova xornada de mobilizacións que se suma ás que o persoal vén secundando dende o pasado maio.
A sección sindical da CIG en Atento denuncia a "actitude coercitiva" da empresa que busca desmobilizar o persoal a través de "mentiras e chantaxes". Os representantes sindicais sinanal que a dirección insta o persoal a que deixe de participar nas protestas, "aducindo que é mellor non airear fóra os problemas e culpando o comité de non querer negociar. Pero xa non enganan a ninguén, nesta empresa levamos loitando para que se respecten os nosos dereitos dende o primeiro día, hai xa 20 anos".
Estes "pequenos encontros" ocorreron na véspera da reunión coa representación sindical - que levaba agardando por esta xuntanza dende o 11 de xullo- e na que a empresa tentou "lavar as mans" alegando que case todas as condicións veñen marcadas polo contrato con Telefónica (tempos entre chamadas, tempos administrativos para completar as xestións, deficiencias nas aplicacións, etc.). A este respecto, só se comprometeron a estudar as necesidades de formación en dous dos servizos e a tratar coa mutua as queixas trasladadas polo persoal polas prácticas irregulares.
Porén, a dirección negou a existencia de problemas no relativo á imposición dos períodos de goce das vacacións e rexeitou rematar coas sancións e os despedimentos por baixo rendemento e baixas médicas. "O único que fan é queixarse da mala imaxe que damos coas nosas protestas e dos elevados índices de absentismo que hai no centro da Coruña, que situaron no 18%", denuncia a sección sindical da CIG.
Neste senso, a representación da CIG apunta que as causas deste absentismo están nas condicións laborais, as cargas de traballo e os obxectivos "inasumíbeis" que impón a empresa, que inciden directamente na saúde dos traballadores e as traballadoras, "tal e como queda reflectido na avaliación de riscos psicosiciais".
A sección sindical fai un chamamamento aos traballadores de Atento na Coruña a secundar de xeito masivo a folga de 24 horas do vindeiro luns e demostrarlle a empresa "que non imos parar até que atendan as nosas reivindicacións".