Tralo anuncio de 14.000 novas prazas de oferta pública de emprego
FeSP-UGT Galicia empraza á Xunta a abrir un proceso de negociación de emprego
FeSP-UGT Galicia empraza á Xunta de Galicia a abrir un proceso de negociación de emprego e de recuperación dos dereitos salariais e laborais logo do anuncio por parte de Alberto Núñez Feijóo a no debate do estado de Autonomía de 14.000 novas prazas de oferta pública de emprego ata 2020.
Para FeSP-UGT Galicia “as declaracións políticas deben acompañarse de feitos, e polo tanto, o sindicato espera e apela a apertura dun proceso real de negociación de estabilidade de emprego”. Este sindicato espera que de cara aos Orzamentos autonómicos de 2018, se abra un proceso negociador no ámbito da Mesa xeral de negociación dos empregados e empregadas públicos de Galicia, proceso que xa se abriu noutras Comunidades autónomas a raíz do Acordo polo emprego asinado en marzo polo Goberno estatal e os sindicatos UGT, CCOO e CSIF.
Así mesmo entenden que a Xunta de Galicia debe cumprir coas previsións que estableceu na Lei 1/2012, de 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, que establecía que as medidas serían revisadas no prazo de dous anos en función da evolución dos parámetros económicos que determinaban a suspensión de Acordos salariais e laborais. "A propia Xunta recoñece oficialmente que hai crecemento económico e polo tanto non hai amparo legal nin xustificación para retrasar a restitución dos Acordos suspendidos", sinala o sindicato.
En relación á oferta excepcional de emprego realizada polo presidente da Xunta no debate parlamentario do estado da Autonomía, que remite a unha oferta de 14.000 prazas e taxas de emprego non fixo inferiores o 7%, valora que “no proceso de negociación que se debe formalizar no ámbito da Mesa Xeral, débense presentar os datos desagregados de Administración Xeral (persoal laboral e funcionario), Sergas e de Ensino, e que a cifra final de oferta excepcional até 2020 terá que ser superior para cumprir cos criterios do Acordo de emprego estatal”.