Oposicións reservadas a empregados que xa teñan praza na Administración
A Xunta convoca 266 prazas de promoción interna
A Xunta de Galicia vén de convocar oposicións para que 266 empregados públicos poidan acadar un ascenso ou un cambio de categoría, co obxectivo de facilitar a súa progresión profesional e facilitar a conciliación da súa vida familiar e laboral.
Estes procesos selectivos beneficiarán a empregados públicos que teñen a consideración de persoal laboral fixo.
Segundo recolle a resolución publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), estas oposicións inclúen un total de 266 prazas de promoción interna. Delas, 126 corresponden ao grupo IV da Administración autonómica, e as 140 restantes ao grupo V. As persoas que superen estas oposicións reforzarán áreas de actuación prioritarias coma os centros de servizos sociais ou o servizo de loita contra os incendios forestais.
Son un total de 96 prazas de auxiliar de enfermaría, 30 de condutor de autobomba, 76 de camareiro-limpador-axudante de cociña, 22 de bombeiro forestal e outras 22 de bombeiro forestal condutor, 10 de vixiante fixo de defensa contra incendios forestais e 10 de emisorista. As convocatorias reservan un total de 16 prazas para as persoas con discapacidade, nove delas para auxiliar de enfermaría e outras sete para a categoría de camareiro-limpador-axudante de cociña.
As oposicións de promoción interna están reservadas a empregados públicos que xa teñen praza na Administración, e que queren acceder a un posto de maior categoría ou que se adapta mellor ás súas preferencias, sempre que as persoas aspirantes reúnan os requisitos e superen o correspondente proceso selectivo. Con estas oposicións, a Xunta de Galicia garante o dereito dos empregados públicos á súa promoción profesional.