Defenden a negociación a través dos comités de cada centro de traballo
O comité de Ferroatlántica en Cee rexeita a negociación dun acordo marco
O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas continuará a concentrarse todos os mércores diante das oficinas de Ferroatlántica en Cee, como mostra de rexeitamento ao acordo marco que a empresa quere sacar adiante cos sindicatos estatais, e que suporía vincular os diferentes convenios de empresa en vigor na actualidade..
O comité "non admite nin recoñece lexitimidade algunha á fórmula escollida pola empresa nin, por suposto, a ningunha outra que puideran formular e que non pase pola lexitimamente recoñecida, que é a negociación nas nosas fábricas , entre o comité de empresa e a propia empresa", indican nun comunicado remitido pola CIG.
Hai que lembrar que esta negociación constitúe unha "usurpación" da lexitimidade de negociación dos comités dos centros de traballo, xa que a dirección recoñece como interlocutores aos representantes das centrais sindicais, "mais non aos representantes legalmente elixidos/as polos cadros de persoal". O persoal de Ferroatlántica na comarca da Costa da Morte xa dispón dun convenio colectivo propio, actualmente en trámite de renovación.
O comité de Cee Dumbría Centrais Hidroeléctricas. deu traslado ás respectivas asesorías xurídicas dos seus sindicatos para estudar as accións legais a emprender contra esta usurpación de dereito, non descartando a folga, tal e como xa foi autorizado pola asemblea de traballadores. Polo momento concentraranse os mércores, ás 18:30 horas, diante das oficinas de Ferroatlántica en Cee
As primeiras consecuencias da paralización da negociación estanse traducindo na falta de acordo para a elaboración do calendario laboral do ano 2018, polo cal o comité de empresa xa interpuxo unha denuncia ante a Inspección de Traballo.