Visitará as seis oficinas deste programa da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva avanza as novidades do programa SmartPeme para o novo curso
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, mantivo este luns unha reunión coas persoas responsables do programa SmartPeme e cos e coas axentes TIC presentes nas seis oficinas deste programa.
Neste encontro, a presidenta provincial avanzou as novidades que se incorporan a SmartPeme co inicio deste novo curso e, ademais, deu conta do balance dos resultados do programa no último ano, con incrementos de participación que se sitúan arredor do 50% respecto ao ano anterior.
Entre as novidades da nova edición de SmartPeme, "novas temáticas de obradoiros adaptadas ás características das persoas usuarias do programa, con novos itinerarios e coa colaboración das asociacións”, apuntou Carmela Silva. A institución provincial tamén asesorará ás persoas que integran o espazo coworking do polígono de Barro-Meis, traballará para a captación de novos colectivos, nomeadamente os comercios minoristas e o sector cooperativista, e tamén elaborará un plan de difusión para aumentar a presenza de SmartPeme no tecido empresarial, a través do envío de newsletters informativas periódicas, a actualización da páxina web do programa, o envío de e-mails recordatorios coa programación dos obradoiros e a colaboración cos concellos para implantar espazos publicitarios que permitan incrementar o coñecemento da cidadanía deste proxecto.
Ademais, a Deputación de Pontevedra presentará un dos seus proxectos máis ambiciosos: unha carteira de servizos para o sector turístico. A través desta, empregarase a base de datos da Smart Destination para identificar as necesidades do sector, ademais de contar con actividades formativas de alto impacto, cun servizo de información e asesoramento personalizados e un calendario de accións promocionais específicas. Carmela Silva asegurou que esta carteira de servizos terá un lugar destacado dentro do plan estratéxico que está a elaborar a Deputación de Pontevedra para o turismo da provincia.
Silva lembrou que, nos últimos meses, xa se incorporaron outras novidades como o asesoramento telemático, unha medida “fundamental para quen cremos na igualdade de oportunidades, xa que as persoas con diversidade funcional non teñen outra forma de acceder a este servizo” ademais de resultar vantaxoso para as persoas que rexen pequenos comercios. Tamén un kit de emprendedores con ferramentas doadas e rápidas para cada unha das fases do seu proxecto e os servizos SmartPeme Informa, que atende a temas de actualidade, e SmartPeme Conecta, que pon en contacto ás persoas demandantes coas empresas que teñen ese tipo de produtos.
Balance do último ano
Carmela Silva sinalou que “SmartPeme obtivo uns excelentes resultados debido a que é unha moi boa idea que é necesario que se potencie aínda máis, para chegar ao conxunto da cidadanía”, cun incremento de preto do 50% do número de persoas que participaron nos seus obradoiros e accións formativas e un maior número de empresas e persoas que foron asesoradas. Así, preto de 3.300 persoas adquiriron novos coñecementos entre xullo de 2016 e xullo de 2017, un 45,5% máis que no período anterior. Ademais, entre xaneiro e agosto de 2017 atendéronse un 26% máis de consultas, con preto de 1.000, organizáronse 210 obradoiros (un 6% máis) cunha asistencia de preto de 1.700 persoas (un 32% máis) e xeráronse 603 altas (un 3% máis).
Carmela Silva visitará este curso todas as oficinas SmartPeme da provincia
A presidenta tamén avanzou as distintas liñas de actuación que se van desenvolver nas distintas oficinas da rede SmartPeme na provincia pontevedra, que visitará ao longo deste novo curso. Así, na oficina de Cambados realizarase un evento para o sector vitivinícola coa colaboración da D.O. Rías Baixas. En Pontevedra organizarase unha xornada para a atracción do pequeno comercio, moi presente na cidade, ademais de colaborar con asociacións como AEMPE e AJE Pontevedra e participando en eventos como o Pont-Up Store. No caso da cidade de Vigo, SmartPeme colaborará con AJE Vigo e participará no II Salón de Empresarias de Galicia.
Para as comarcas do Condado e da Paradanta, Carmela Silva avanzou que a oficina de Ponteareas está a avanzar nun proxecto que permitirá que “o sector da agricultura ecolóxica cree unha estrutura de xestión a través das TIC”. No caso de Deza e Tabeirós, a través da oficina de Lalín, a institución provincial colaborará con AEDEZA e ACOE para aumentar a súa base de persoas asociadas e organizará obradoiros e presentacións e, por último, no caso da oficina do Porriño, a Deputación de Pontevedra colaborará coa Cámara de Comercio de Tui para presentar SmartPeme entre a súa rede asociada.