Co obxecto de fomentar a empregabilidade
A Cámara de Santiago organiza en maio dous cursos formativos para menores de 30 anos
A Cámara de Comercio de Santiago a impartirá en maio dous cursos de formación específica do plan de capacitación do Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE).
O programa gratuíto PICE está composto por un conxunto de accións de orientación, formación e achegamento ás empresas que persegue a empregabilidade de mozos e mozas de 16 a 29 anos. Está deseñado a medida do perfil, intereses e grao de cualificación e capacitación dos máis novos e responde á demanda actual das empresas.
Celebrarase un curso de formación específica, do 2 ao 31 de maio, sobre xestión administrativa, impartido pola consultoría C&B Asociados, en horario de 9:00 a 14:00 horas. A súa finalidade é dotar aos asistentes das ferramentas necesarias para desempeñar calquera actividade de apoio ao departamento de administración, desde as tarefas básicas de comunicación, pasando por apoio na área de recursos humanos e contable, finalizando co arquivo e xestión da documentación. O alumnado utilizará programas informáticos contables e laborais, cos que practicará os coñecementos teóricos adquiridos. Ademais, realizaranse presentacións e exercicios co paquete office.
Nesas mesmas datas, do 2 ao 31 de maio, comezará un curso de atención ao cliente para turismo e hostalería, que impartirá Quelqum Servicios para Empresas en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os alumnos terán unha contextualización do sector turístico, recoñecendo a importancia da comunicación e atención ao cliente na era de Tripadvisor, e o valor de ter un manexo de inglés profesional para traballar no sector.
Garantía Xuvenil
O PICE é unha iniciativa integrada no Plan Nacional de Implantación da Garantía Xuvenil do Ministerio de Emprego e Seguridad Social que conta con financiamento do Fondo Social Europeo. Está destinada a ofrecer accións directas de formación, adaptadas ás capacidades e necesidades e ás demandas empresariais para favorecer as posibilidades de inserción laboral de cada participante.