Permitirán formalizar 19 contratos e incentivar a alta como autónomos de 7 emprendedores
A Cámara de Santiago destina case cen mil euros en axudas para a contratación de mozos e mozas e para emprendedores
A Cámara de Comercio de Compostela abre a convocatoria de axudas económicas destinadas ao fomento do emprego de 2018, incluídas dentro do Plan de Capacitación do Programa Integral de Cualificación y Empleo (PICE).
As axudas están destinadas a empresas, situadas na demarcación cameral de Santiago, para a contratación de mozos e mozas sen emprego e para emprendedores que decidan iniciar a súa actividade empresarial no ámbito xeográfico da Cámara, todos eles menores de 29 anos. Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020.
A primeira liña son axudas destinadas a empresas que contraten a mozos e mozas beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (inscritos e orientados no PICE) durante un período mínimo de seis meses a tempo completo, cun contrato indefinido, temporal, en prácticas ou para formación e aprendizaxe. Cun presuposto total de 94.050 euros (4.950 euros por cada contratación), a Cámara de Santiago poderá xestionar 19 contratos.
A segunda liña son axudas ao autoemprego para o desenvolvemento de novas actividades empresariais, postas en marcha por mozos e mozas beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Juvenil, coa fase de orientación vocacional do PICE finalizada. Cun presuposto total de 4.200 euros (600 euros por cada axuda ao autoemprego), a Cámara de Santiago poderá incentivar a alta como autónomos de 7 emprendedores durante un período mínimo de 12 meses.
Estas axudas son incompatibles con calquera outra que puidera concederse ás empresas para a mesma finalidade, a excepción das bonificacións ou reducións nas cotas á Seguridad Social que puideran corresponderlle segundo a lexislación vixente.
O prazo para a presentación de solicitudes está aberto do 21 de marzo ata o 28 de decembro ou cando se esgoten os fondos.