Son 181 mozos e mozas
Benvida na Deputación de Pontevedra aos bolseiros do Plan de Práctica Laboral
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou aos bolseiros do Plan de Práctica Laboral a aproveitar a súa experiencia na administración local e a “tomalo con ilusión e con motivación porque realmente se aprende moito porque ides traballar con técnicos e técnicas que vos van a saber transmitir toda a súa experiencia”.
Carmela Silva recibiu no Pazo Provincial aos 181 integrantes do Plan de Práctica Laboral que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra para os concellos da provincia e para os propios servizos da institución provincial. Este ano ofertáronse 200 bolsas, ao igual que o ano pasado, presentáronse preto de 1.000 persoas e adxudicáronse 181 para titulados universitarios ou posuidores de ciclos formativos de grao superior de formación profesional, sen experiencia laboral previa no ámbito das súas titulacións e coa finalidade de promover e completar a súa formación en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ao mercado laboral.
A presidenta da Deputación de Pontevedra recordou que as bolsas son por seis meses aínda que prorrogables outros seis meses máis, “polo que é un ano de experiencia que tamén vos pode servir para o voso currículo. Porque sempre que un preséntase nun posto de traballo se pide que a xente sexa nova pero tamén que teña experiencia e a administración pública é un entorno onde ides poder coller un bo coñecemento”.
No acto de benvida tamén participou unha bolseira da anterior edición do Plan de Práctica Laboral, que prestou o seus servizos no concello de Caldas, que comentou a súa experiencia dun ano, animando a todos e todas a aproveitar este periodo de tempo para coñecer máis en profundidade a administración local.
As bolseiras e bolseiros irán aos distintos servizos da Deputación de Pontevedra e a 58 concellos pontevedreses.