Desenvolverá un programa integrado de emprego subvencionado pola Xunta e Goberno central
Asime formará cen persoas desempregadas en especialidades do sector metalúrxico
Asime (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia) desenvolverá no período 2018-2019 un programa integrado de emprego para formar cen persoas no sector metalúrxico.
O programa integrado de emprego está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Traballo, Migracións y Seguridade Social, e ten coma obxectivo conseguir a inserción laboral de polo menos un 45% de persoas participantes.
Desde Asime salientan que este proxecto formativo chega nun momento "crucial", xa que a día de hoxe o sector industrial conta con 25.000 ocupados menos que fai oito anos e sendo o sector que avanza máis favorablemente.
A previsión, atendendo aos datos cos que arrancou o exercicio, é pechar o ano crecendo no emprego e a facturación. Despois de anos de intensa crise, o 2017 rexistrou un incremento da actividade, convertíndose nun punto de inflexión xa que o sector se prepara para unha época de crecemento. Segundo Asime, o repunte de contratos no naval sacou á luz o problema da falta de man de obra cualificada para garantir o cumprimento dos plazos dos pedidos.
Liñas de formación e destinatarios do programa
As principais liñas de formación que incluirá este programa son soldadura, tubaxe industrial, interpretación de planos, fabricación e montaxe de estructuras metálicas, tratamentos superficiais, operacións auxiliares de almacenaxe, operador de carretilla e mantemento.
Os destinatarios deste programa serán persoas desempregadas maiores de 45 anos, con discapacidade, menores de 30 anos con baixa cualificación ou cualificadas, e perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.
Para cada persoa participante elaborarase un itinerario personalizado de inserción que se adecúe as súas demandas e características curriculares.
Nunha primeira fase haberá sesións individuais de orientación laboral combinadas con píldoras formativas de procura de emprego, elaboración de currículo, preparación de entrevistas e habilidades sociais. Ademáis doutras liñas de actuación como coaching e intelixencia emocional, emprendemento e moblidade laboral ou manexo de redes sociais, formación en novas tecnoloxías e idiomas. Tamén se contemplan prácticas profesionais non laborais en empresas e medidas de conciliación para dar resposta de participación a aqueles/as demandantes con persoas ao seu cargo ou limitacións horarias.
Nunha segunda fase desenvolveranse outras actividades formativas que complementen as habilidades e competencias anteriormente adquiridas, e sempre tendo en conta o labor previo de prospección, difundindo os perfís dos participantes entre as empresas dos sectores aos que se dirixe o proxecto, detectando as súas necesidades de persoal e recabando acordos de colaboración para facilitar a inserción laboral.