Anuncia unha concentración este mércores fronte á sede de Asime
CIG-Industria nega déficit de profesionais no sector naval
O sindicato CIG-Industria de Vigo considera unha "campaña de desinformación” da patronal a "suposta" recuperación do sector naval da ría de Vigo e alerta de que está a xerar “falsas expectativas” entre os desempregados.
Membros da executiva comarcal de CIG-Industria compareceron este luns en rolda de prensa para negar que exista un déficit de profesionais no sector naval. Segundo César Rodríguez, responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo, non existen "datos contrastados" que apoien o "triunfalismo" da patronal nos medios de comunicación, que “está a enganar á sociedade” ao falar da necesidade de 2.000 ou 3000 novos traballadores para o sector.
Moi ao contrario, salientou o sindicalista, “e salvo contadas excepcións” como Freire e Armón, con dúas ou tres unidades en carteira, a maioría de estaleiros están a construír un único pedido e non contan con previsións para o futuro, tal e como sucede en Barreras, Cardama ou Metalships, que acaba de anunciar a entrega do pedido para finais deste ano). A iso súmase, segundo Rodríguez, a situación incerta de Vulcano.
Fronte aos “chamamentos irresponsábeis” de Asime, que está a “xogar coas esperanzas da xente”, denuncia a realidade dun sector precarizado no que a maioría dos casos os traballadoress “entran e volven saír do paro aos poucos meses”, e onde se está a incumprir diariamente o convenio, algo que enfatizou tamén Quique Fernández, responsable de organización comarcal da federación.
Manuel Simón, responsable de negociación colectiva e formación da CIG-Industria en Vigo, expresou dúbidas sobre os motivos reais de Asime ao enfatizar a necesidade de cursos de formación, “dando a impresión de que se utiliza esa suposta necesidade de traballadores/as para xustificar o financiamento público dos mesmos”.
Petición de reunión coa patronal
O secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, anunciou a celebración dunha concentración ante a sede da patronal Asime, en Vigo, este mércores 17 de outubro ás 11 horas, para demandar unha reunión na que se informe dos centros onde se vai xerar esa suposta carga de traballo.