Ata o 15 de xullo
Aberto o prazo de inscrición para as listas de emprego temporal da Xunta
A Xunta de Galicia abre este xoves o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nas bolsas para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de xullo, segundo recolle unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 28 de febreiro. Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.
O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 26. Delas, sete listas son para traballar como funcionario interino e 17 para traballar como contratado laboral ás que hai que engadir outras dúas para persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.
Todas aquelas persoas interesadas en apuntarse a estas listas de emprego temporal deberán presentar a instancia que se pode descargar na web da Xunta de Galicia , no apartado Listas de Contratación. As persoas que xa forman parte desta bolsa non é preciso que se anoten de novo.
O acceso ao emprego temporal na Xunta realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou de contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde na que figurarán as persoas inscritas dependerá dos méritos que reúnan, de acordo cun baremo que figura na convocatoria.
Entre as listas abertas están as de veterinarios, escala superior de finanzas, director de centro social, enfermeiro, fisioterapeuta, xefe de cociña, auxiliar de clínica, auxiliar de fogar, limpador, axudante de servicios técnicos ou bombeiro forestal condutor.
Actualización de méritos
No mesmo DOG do 28 de febreiro publicase a actualización profesional de méritos das persoas integrantes das listas de emprego da Administración galega. Desde mañá ábrese o prazo de dez días hábiles para que os interesados poidan presentar reclamacións e achegar a documentación xustificativa.
Tanto o estado -aberto ou pechado- para a incorporación de novas solicitudes no que se atope cada lista, como o procedemento a seguir para inscribirse nelas, así como as puntuacións totais das persoas integrantes das listas consecuencia da actualización de méritos, poden consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, apartado de "Listas de contratación".