Súmanse 1.616 prazas para sanidade e 789 para a Administración xeral
A Xunta completa a Oferta de Emprego Público de 2017, que suma 3.448 prazas convocadas
O Consello da Xunta aprobou estes xoves os decretos que establecen as ofertas de emprego público do ano (OEP) 2017 para a sanidade pública e a Administración xeral, completando deste xeito a OEP deste ano, cun total de 3.448 prazas ofertadas.
Ao longo da rolda de prensa tralo Consello, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo precisou que coa convocatoria de 1.616 prazas para sanidade e 789 para a Administración xeral, se complementa a oferta de emprego público en Educación aprobada en abril, con 1.043 prazas no ensino público. Trátase da maior oferta de emprego público desde 2009 e un 30% maior da que se aprobou en 2016.
No que atinxe á OPE do Servizo Galego de Saúde son 1.616 prazas, o que supón un total máis alto que todas as OPE xuntas dos últimos cinco ano. Haberá 158 prazas de médico de familia, 699 de enfermaría, 222 de celadores e 124 de persoal de administración, entre outras. Como novidade, e coa finalidade de potenciar as especialidades de enfermaría, ofértanse 36 prazas para as categorías de enfermeiro especialista en medicina familiar e comunitaria, saúde mental, traballo e Pediatría. Así mesmo, cómpre salientar que do total das prazas, o 50% serán provisionadas pola quenda de promoción interna. E, ademais, resérvanse o 7% para persoas con discapacidade. O obxectivo da Consellería de Sanidade é que a maioría das categorías se convoquen no primeiro trimestre de 2018, para que os exames poidan celebrarse a finais do ano ou principios de 2019.
Administración xeral
En relación ás 789 prazas da OEP da Administración xeral, Feijóo subliñou que supoñen un 10% máis que as prazas ofertadas en 2016, sendo a oferta pública de emprego máis elevada desde 2008. Haberá 180 prazas para servizos sociais, todas de acceso libre; 105 prazas de bombeiro forestal para o servizo de prevención e extinción de incendios, tamén de acceso libre; 150 prazas reservadas á promoción interna e outras 68 para persoas con discapacidade.
O presidente da Xunta subliñou que o obxectivo para 2018 é poder convocar un número similar de prazas ao deste ano, “co cal entre o 2017 e 2018 chegariamos a 7.000 prazas”. Feijóo concluíu aseverando que estas cifras constatan que a Administración autonómica está a cumprir o Plan de estabilidade asinado coas organizacións sindicais, co compromiso de ofertar, como mínimo, 14.700 prazas ata 2020.