Entrega de diplomas
Un 35% dos 85 participantes no plan de emprego da CEL xa foron contratados
A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu o acto de entrega dos diplomas que acreditan a formación recibida polos participantes no plan integrado de emprego Lánzate E-Emprega Lugo.
Lánzate E-Emprega Lugo foi unha iniciativa desenvolvida pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que incluía accións de orientación laboral, prospección de emprego, formación, prácticas en empresas, tutelaxe e acompañamento individualizado no proceso de inserción laboral.
O plan contou cunha dotación económica total de 231.800 euros, cofinanciados entre a CEL (que achegou o 12% do orzamento) e Xunta de Galicia (o 88% restante).
O programa Lánzate e-Emprega Lugo vén desenvolvéndose na CEL dende decembro de 2017. Subdividíase en diferentes fases, desde un estudo o mercado laboral provincial inicial á propia selección dos participantes, que viñan de colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, até a orientación, formación e inserción efectiva vía prácticas e contacto con empresas para a súa contratación.
Na última fase, que se está pechando nestas datas, xa se acadou que un 35% dos 85 participantes accedesen a un contrato de traballo e séguese traballando para facilitar a entrada de todos os beneficiarios do plan no mundo laboral.
No acto de entrega dos diplomas estiveron presentes Ramón Carballo Páez, xefe territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, e Jaime López, secretario xeral da CEL, que destacaron a importancia da cualificación deste programa de cara a mellorar as posibilidades de acceso ao mercado de traballo.
Peso importante das accións formativas
Unha das fases con maior peso no plan de emprego foi a de formación, que se subdividía en transversal e específica e que podía recibirse vía teleformación ou presencial, dependendo das circunstancias dos participantes. A transversal, que tivo lugar nas instalacións do Centro de Formación da organización empresarial en Lugo e nos locais do Conservatorio do Concello de Viveiro, buscaba capacitar aos participantes en habilidades e técnicas de procura de emprego, informática e internet, procedementos telemáticos, inglés básico, técnicas de motivación persoal, emprendimiento, xénero e igualdade de oportunidades.
A específica foi deseñada pola CEL tendo en conta as necesidades das empresas da provincia en materia de contratación. Concretamente, dividiuse aos participantes do plan segundo a súa formación e intereses para capacitalos nas seguintes especialidades: Operario de Servizos Múltiples, Operacións Básicas de Restaurante e Bar, Silvicultura e Mantemento de Zonas Verdes e, Condutor de Mercadorías - Repartidor.
Todos estes cursos específicos, de 240 horas de duración cada un, incluiron, ademais, un período do de prácticas non laborais en empresas relacionadas coas materias de referencia de cada acción.
A maiores, e a petición expresa dos propios usuarios, engadiuse na fase final un curso específico e práctico de informática básica.
Asesoramento personalizado
O programa integrado de emprego Lánzate e-Emprega Lugo tamén incluía un proceso de asesoramento personalizado vía entrevistas individualizadas e sesións colectivas de orientación laboral, así como unha parte final, na que se atopa agora, de tutelaxe e acompañamento personalizado e individualizado a cada un dos participantes do plan no proceso de procura de emprego, co obxectivo de acadar a súa efectiva inserción laboral a través dun contrato de traballo.