En Galicia a poboación asalariada percibe o 42,4% do PIB e o empresariado o 47,7%.
UGT-Galicia denuncia que a reforma laboral contribuíu de xeito decisivo á perda de renda dos salarios
UGT-Galicia vén de presentar un informe sobre a participación dos salarios no crecemento económico en Galicia que pon de relevo a perda de renda dos salarios desde a reforma laboral de 2012.
O sindicato reitera que as empresas galegas saíron da crise hai tempo recuperando os niveis de beneficios previos ao 2008 pero non así as persoas traballadoras, ás que lles falta moito para recuperar os niveis previos á crise, segundo o evidencian os datos de Contabilidade Nacional feitos públicos este xoves polo INE.
Para UGT-Galicia resulta “evidente” que o reparto do PIB “empeorou claramente para os salarios”. Se no 2008 a remuneración dos salarios era do 46,9%, baixou no 2012 ata o 45,4%,, no 2016 ata os 43,1%, e nos últimos datos coñecidos (terceiro trimestre de 2017) está no 42,4%. Paralelamente, as rendas empresariais representaban o 45% do PIB no 2008, no 2012 mantiñan esta porcentaxe, no 2016 subiron ata o 46,9 e a día de hoxe están xa no 47,7%. “Existe un claro trasvase das rendas do traballo ás empresariais”, salientan desde UGT-Galicia, sindicato que denuncia que a reforma laboral “contribuíu de xeito decisivo á perda de renda dos salarios, deixando o volume de remuneracións en mínimos históricos, todo o contrario que lles pasa aos excedentes de explotación/rendas mixtas”.
"Sería razoable pensar que coa crise se reduciría o monto total de salarios e beneficios paralelamente. Pero non foi así en termos agregados. Se comparamos o montante total destinado ás persoas traballadoras nos anos 2008 e 2016 prodúcese unha diminución do 7,5%. Pola contra, os excedentes de explotación bruta/renda mixta bruta aumentan un 4,9%. A remuneración dos asalariados perdeu 2.057 millóns de euros e o excedente gañou 1.278 millóns de euros", apunta o informe do sindicato.
Por ramas de actividade, onde se produce unha maior perda de rendas é na industria, na construción e nas actividades financeiras e de seguros. As persoas asalariadas desas tres ramas partían no 2008 dunha remuneración de 9.453 millóns de euros no 2008 e sofren no 2016 unha perda de xeito agregado de 2.770 millóns de euros, en termos relativos o descenso foi do 29,30 por cento.
Destrución de emprego
Ademais, a reforma laboral “supuxo un claro ataque ao emprego”, valora o sindicato. Nun só ano de vixencia, entre 2012 e 2013, destruíronse preto de 22.000 empregos (en termos de emprego equivalente a tempo completo da Contabilidade trimestral de Galicia) “e, como é sabido, a perda de persoas asalariadas contribúe decisivamente á perda de remuneracións”. No 2014 dáse o mínimo de postos de traballo equivalentes a tempo completo, a partir de ese ano aumentan o número de postos de traballo equivalentes a tempo completo pero, a pesar diso, a porcentaxe do PIB destinado a salarios segue perdendo peso.
“Aínda falta por recuperar 188.978 postos de traballo equivalentes a tempo completo, destes, 158.607 corresponden a poboación asalariada, para situarnos a nivel do ano 2008”, puntualiza o informe.
Por todo isto, UGT-Galicia insiste na denuncia de que o crecemento económico non se está traducindo nunha mellora da calidade de vida da maioría da poboación. “O emprego que se crea é de baixa calidade, pouco produtivo e mal remunerado. E os recortes en prestacións sociais e na dotación de servizos públicos esenciais que levou a cabo o Goberno no bienio 2012-2013 non se reverteron, o que supón unha merma directa do estándar de vida de milleiros de familias”, valoran.
Por estas razóns, o sindicato esixe a reversión da reforma laboral de 2012; o aumento dos salarios en 2018 nitidamente por enriba da inflación, de xeito que gañen poder de compra e recuperen parte do perdido dende 2008, especialmente, os salarios máis baixos. Así, UGT propón un salario mínimo de convenio de 1.000 euros. Ademais, o sndicato aposta pola posta en marcha dunha política industrial “que potencie as capacidades produtivas e asente as bases dun novo modelo económico”, o reforzamento do sistema de prestacións sociais e a retirada da reforma das pensións de 2013.