Santiago Lago: "O balance é claramente positivo para Galicia"
O representante galego na comisión de expertos para a reforma do financiamento autonómico amósase satisfeito do resultado do informe, que arroxa "máis luces que sombras" para Galicia.
O profesor de Economía Aplicada e director do grupo GEN da Universidade de Vigo, compareceu este xoves ante os medios de comunicación para detallar o informe sobre a reforma do financiamento autonómico elaborado nos últimos meses por un comité de 21 expertos, 16 deles en representación das comunidades e cidades autónomas e 5 a proposta da Administración central. Un documento que, a xuízo de Santiago Lago Peñas, "pon de relevo a necesidade de axustes e reformas pero non rupturas co pasado", que vai máis aló do técnico ao recoller as distintas sensibilidades territoriais e que, para o caso de Galicia, ofrece un balance "claramente positivo".
Así, o documento recolle moitas -por non dicir todas- das prioridades para Galicia xa avanzadas a primeiros do ano nun estudo do Foro Económico de Galicia do que Lago é director. Por exemplo, a proposta dos expertos contempla a posibilidade de voltar a unha nivelación de todos os servizos, non só os básicos, o que claramente beneficia a Galicia.
Tamén hai consenso nel sobre a conveniencia de reforzar o baremo do sobreavellentamento na contabilización dos custos de sanidade e dependencia, outro aspecto que reclamaba Galicia. O documento abre a porta a incorporar novas variables para medir os custos dos servizos, coma os prezos, que non conviría á nosa Comunidade, pero tamén a orografía e o nivel de renda per cápita, "que si nos convén", sinala Lago Peñas.
Canto a unha das propostas estrelas do informe, a do IVE colexiado, isto é, que as comunidades autónomas puidesen subir (ou baixar) de mutuo acordo un tramo do imposto, "tal e como está proposto o que se recade se repartiría en función dos custos dos servizos", o que tamén sería bo para os galegos.
Asemade é positivo para Galicia, resalta o profesor, a introdución do criterio de media móbil á hora de contabilizar os habitantes axustados, na vez de cinguirse aos datos dun único ano.
A importancia do Fondo de Compensación Interterritorial
Por último, Santiago Lago pon o acento no Fondo de Compensación Interterritorial que malia que non é especificamente un instrumento de financiamento autonómico, nel "temos un camiño de ganancia enorme". Así, o Foro Económico de Galicia ten estimado que á nosa Comunidade lle poderían corresponder ao redor de 300 millóns de euros anuais, cando na actualidade estamos percibindo por este concepto uns 40 millóns. É esta a única cifra que aventurou o experto que podería obter Galicia co novo financiamento; "no propio informe non se dan cifras", recordou, xa que a fase dos números é a que agora comeza, coa negociación a cargo dos directores xerais. En todo caso, recordou, Galicia manterá o status quo do que partía no anterior acordo.
Galicia non realiza votos particulares
Entre as máis de 60 páxinas do documento dedicadas a votos particulares non hai ningún do representante galego (tampouco o fixeron os representantes de Asturias e de Murcia). Santiago Lago explicou que marcou como prioridade buscar o consenso: "traballei moito para intentar que o que pensaba que era correcto se incorporase ao modelo". Unha mostra do que considera o "sentidiño" dos galegos, pois "acabamos estando normalmente coa maioría, e os extremos quédannos lonxe".