A diferenza supera os 5.000 euros
As mulleres galegas cobran un 22% menos que os homes
A fenda salarial en Galicia entre homes e mulleres é do 22% e no caso das pensións sobe ata o 37,9%, segundo os datos da Enquisa anual da estrutura salarial 2010-2015.
Son datos recollidos nun informe de UGT que vén de emprender en toda Españaa a campaña sobre a desigualdade salarial “Eu traballo gratis”. Refírese o sindicato ao feito de que, segundo os últimos datos da Enquisa anual de salarios do ano 2015 (publicada en xuño pasado), as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis que os homes para percibir o mesmo salario nun ano. Ou ben, deixar de traballar o 15 de setembro para non facelo “gratis” ata o 31 de decembro.
Así, segundo os datos da Enquisa anual da estrutura salarial 2010-2015, as mulleres galegas perciben un salario medio anual inferior nun 21,98% ao dos homes. Esta diferenza medrou, en relación ao 2010, en 0,17 puntos. En termos absolutos, a diferenza retributiva anual entre homes e mulleres en Galicia é de 5.096,5 euros, cobrando elas 18.093 euros e eles 23,189.
Se se atende ao que sucede no resto do Estado, obsérvase que as mulleres galegas perciben un 9,8% menos de salario anual que a media estatal (1.958 euros menos), e que Galicia é a quinta comunidade autónoma onde o salario anual medio das mulleres é máis baixo.
Toda esta análise de presente ten, subliñan desde UGT-Galicia, as súas consecuencias no futuro, tanto no acceso ás prestacións por desemprego como no caso das pensións de xubilación. "O que primeiro chama a atención é que as beneficiarias de prestacións por desemprego son menos, a pesar de ser máis desempregadas. Froito isto, de seguro, da precariedade e parcialidade que xera menos dereitos e, en xeral, consecuencias das lagoas que en materia de cobertura por desemprego ten este país, xa que este é un dereito cada vez máis mermado. Ademais, a contía é un 14,3% inferior á dos homes.
A fenda aumenta nas pensións
No relativo ás pensións de xubilación a fenda é dun 37,9%. 404.955 mulleres perceptoras de pensións viven cun importe medio de 605,45 euros. No 2016 eran 159.000 as galegas que percibían unha pensión de xubilación cun importe inferior ao SMI, fronte a 97.308 homes. Pero, pola contra, por enriba dos 1.000 euros son os homes os grandes beneficiarios, máis de 105.000 perceptores, fronte a 21.000 perceptoras.
Ante estes datos, UGT-Galicia realiza un chamamento ao Goberno para que active todos os mecanismos posibles e faga cumprir os artigos 14 e 9 da Constitución Española, así como as Recomendacións da Comisión Europea nesta materia, en concreto no relativo á introdución na nosa lexislación da definición de “traballo de igual valor”.
A denuncia do sindicto vai acompañada de propostas concretas para a negociación colectiva e os plans de igualdade, así como de ferramentas que permiten eliminar -ou canto menos reducir- a fenda salarial entre mulleres e homes.