Galicia, segunda comunidade coas pensións máis baixas
UGT presenta a súa campaña en defensa das pensións
O secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas, Valentín Tato, e o responsable de Política Sindical, Emprego e Seguridade Social de UGT-Galicia, Luís Baneira, presentaron en rolda de prensa a campaña “Por un sistema de pensións, público e sostible. Defender as pensións é cousa de todos”
Valentín Tato explicou que no marco desta campaña, que se vai desenvolver en todo o Estado, están programadas tres grandes marchas cara Madrid protagonizadas por xubilados e pensionistas que partirán de tres puntos da xeografía española o día 10, e ás que se lles irán sumando outros sindicalistas. Concretamente, Galicia unirase á marcha que parte de Asturias en Benavente o día 15. O obxectivo é confluír en Madrid o día 22 cunha gran concentración-acampada na Porta do Sol.
O fin desta campaña é que se fagan visibles os problemas dos pensionistas e a súa situación que cada día é máis precaria, algo que achacan ás "políticas de austeridade e recortes impostas polo Goberno do PP". No caso dos pensionistas galegos, UGT denuncia que un terzo deles non superan os 500 euros ao mes e a metade perciben tan só a pensión mínima. Ademais, Galicia é a segunda comunidade coas pensións máis baixas, cunha contía media de 774 euros, que cae ata os 667 euros ao mes no caso de Ourense, provincia coas pensións máis baixas de toda España.
Pola súa banda, Luís Baneira criticou duramente "a nefasta xestión que do sistema público de pensións fixo o Goberno do PP". Unha xestión que -sinala o sindicalista- pon en perigo a Seguridade Social, recordando que o PP compensou o afundimento dos ingresos da Seguridade Social "con disposicións masivas do Fondo de Reserva ata esgotalo neste exercicio xa por completo".
Solucións ao déficit da Seguridade Social
O sindicato cuestiona que o Goberno central "en lugar de facerse cargo como debería do déficit da Seguridade Social", propoña que se lle outorgue un crédito. "Trátase da forma máis absurda de financiar as pensións", sinalan desde UGT-Galicia.
Apuntan desde o sindicato que o déficit da Seguridade Social desaparecería se deixase de sufragar 16.000 millóns de euros "que non lle corresponden". En concreto, cifran nun 1.800 millóns de eurros as reducións de cotización ás empresas por estímulos ao emprego, en 3.900 millóns os gastos da administración e funcionamento que se financian indebidamente con cotizacións sociais e en 10.500 millóns do déficit de rexímes e sistemas especiais que deberían ser financiados con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado. Asemade, os ingresos da Seguridade Social aumentarían en entre .5.000 e 7.000 millóns de euros " por cotizacións correspondentes aos salarios máis altos que están exentos de cotización por enriba da base máxima".
Para rematar co que consideran un "empobrecemento progresivo dos pensionistas", a UGT urxe a derrogar as reformas impostas polo Goberno do PP no 2013 a través de dous mecanismos: "a non revalorización das pensións, máis que un 0,25 por cento, e o factor de sostibilidade que obrigará aos pensionistas a pagar con reducións por vivir máis anos".