8 de marzo, Día da Muller Traballadora
Miles de mulleres toman as rúas nunha xornada de folga histórica
Miles de galegas secundaron este 8 de marzo os paros laborais convocados polos sindicatos e encheron as rúas das principais cidades e vilas da Comunidade para reivindicar igualdade.
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia congratuláronse do «éxito» da folga convocada neste Día da Muller Traballadora. Segundo estes dous sindicatos e a falta de contabilizar a terceira quenda da xornada, o seguimento dos paros de dúas horas foi "masivo", especialmente en grandes empresas e administracións públicas.
A CIG salientou a repercusión na sanidade pública, onde só se cubriron os servizos mínimos, e no ensino público, onde a folga atinxiu a máis do 70%. En Vigo destacaron a incidencia do paro no sector industrial; en Compostela no comercio textil; en Ferrol, non Lugo no Centro Comercial As Termas; e na comarca de Ourense no pequeno comercio local, con moitos establecementos secundando os paros parciais da mañá. Na cidade da Coruña o festivo local condicionou o paro, polo que en boa parte dos sectores produtivos e do sector servizos non se puido facer efectiva a folga.
Para CCOO e UGT, o «apoio maioritario» da sociedade galega a esta convocatoria é «a proba» de que as reivindicacións do sindicalismo de clase, compartidas polo movemento feminista, «son tamén maioritarias entre os galegos e as galegas»: cómpre «denunciar e desterrar» a fenda salarial, a precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero.
As secretarias da muller de UGT e CCOO, Mónica Rodríguez e Mamen Sabio, coidan que a data deste xoves é «histórica» e marcará «un antes e un despois» na loita pola igualdade. O apoio á folga amosa «o total rexeitamento» da sociedade galega á situación que padecen as mulleres do noso país. «As reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que incidir nas desigualdades», denuncian as dirixentes sindicais.
Pola súa banda, desde a CIG destacaron que "as galegas estamos demostrando a nosa capacidade de mobilización, a través da que somos quen de situar Galiza no mapa mundial do Paro Internacional de Mulleres e participar activamente nunha xornada histórica, revolucionaria, que marca un punto de inflexión na conmemoración do 8 de Marzo e en como temos que concibir a celebración desta data", valoraba a secretaria confederal de Mulleres, Margarida Corral.