Haberá paros de dúas horas en cada unha das quendas
Os principais sindicatos fan un chamamento a secundar a folga de mulleres deste 8 de marzo
Os sindicatos CIG, CCOO e UGT chaman ás mulleres galegas a secundar a folga de dúas horas por quenda deste 8 de marzo.
A CIG convoca máis de 40 mobilizacións en Galicia no marco do paro internacional de mulleres que o 8 de marzo secundarán preto de 100 países, para reivindicar "a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia". A central anima a todas as mulleres (estudantes, xubiladas, desempregadas, asalariadas, funcionarias, fixas, eventuais, etc.) a participar activamente neste xornada de loita secundando os paros laborais e acudindo a calquera das mobilizacións, así como participando na “folga de consumo, a de brazos cruzados nas tarefas de coidado, ao boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista”.
Pola súa banda, o Sindicato Nacional de CCOO en Galicia e UGT-Galicia fan un chamamento á cidadanía galega a secundar a folga de dúas horas por quenda convocada para mañá, día 8 de Marzo, “contra a fenda salarial, a precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero”. As dúas horas de folga por quenda serían entre as 00.00 e as 2.00 horas nas quendas de noite, entre as 12.00 e as 14.00 nas de mañá e entre as 19.30 e as 21.30 na de tarde.
Manifestacións e concentracións en toda Galicia
Os sindicatos apoian as manifestacións convocadas para o Día da Muller Traballadora por diferentes colectivos do movemento feminista. Na Coruña sairán ás 19 horas desde o Obelisco e ás 19:30 horas da praza de Pontevedra; en Vigo, ás 20 horas desde a praza de Portugal, en Santiago ás 20 horas desde a praza 8 de marzo; en Ourense, ás 20 horas, desde a Subdelegación do Goberno; en Lugo á 20 horas desde o Multiusos da Xunta; e en Ferrol á mesma hora desde o edificio da Xunt.
Asemade, os sindicatos UGT e CCOO concentraranse ás 11 horas na Coruña (diante do CHUAC) e en Ourense (fronte á Subdelegación), ás 11:30 horas en Pontevedra (fronte á Subdelegación do Goberno), e ás 12 en Santiago (praza do Obradoiro, sede da Xunta, diante da CRTVG e da empresa Castrosua); tamén a mediodía en Ferrol (no Cantón), Lugo (fronte á Deputación Provincial), Pontevedra (fronte á Deputación Provincial) e Vigo (na Porta do Sol).
Pola súa banda, a CIG ten convocadas concentracións ás 12:30 horas en Vigo ( na farola de Urzáiz e na rotonda de acceso ao hospital Álvaro Cunqueiro), na Coruña (na rotonda do CHUAC), en Santiago (no centro comercial As Cancelas, na praza de Galicia, diante do Hospital Clínico e en San Caetano); en Ferrol (na praza de Amada García e no Hospital Arquitecto Marcide); en Lugo (diante do edificio administrativo da Xunta); en Ourense (na praza Maior); e en Pontevedra (na praza de Peregrina e no Hospital de Montecelo).