O plan concedeu créditos por valor de 149,1 millóns de euros
A Deputación da Coruña e Abanca dotan con 50 millóns o Plan Activamos
Abanca e a Deputación da Coruña veñen de renovar o convenio de colaboración do Plan Activamos, achegando a entidade financieira unha liña de crédito de 50 millóns de euros destinada a pemes, familias e corporacións locais.
A renovación do Plan Activamos, impulsado por ABANCA e a Deputación da Coruña para promover o desenvolvemento social e económico da provincia, foi presentada polo presidente da Administración provincial, Valentín González Formoso, e o director de Negocio Institucional de ABANCA, Santiago Novoa García.
Ambas as entidades anunciaron a continuidade dunha iniciativa que desde a súa creación supuxo xa a concesión de financiamento por importe de 149,1 millóns de euros, e que este ano presenta como novidade a creación dunha nova liña de financiamento para a rehabilitación de vivendas no medio rural.
“Grazas a este esforzo conxunto de Abanca e a Deputación da Coruña, preto de 140 millóns de euros chegaron ás pemes e autónomos da provincia, unha inxección económica importante para manter a actividade empresarial e axudar a crear emprego na nosa provincia, que é un dos nosos obxectivos prioritarios”, afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso.
“Coa nosa participación no Plan Activamos logramos un impacto positivo directo sobre a prosperidade da provincia da Coruña. Esta iniciativa é un símbolo do compromiso de Abanca coa nosa contorna máis próxima, o que constitúe un elemento central da nosa identidade como entidade financeira”, sinalou Santiago Novoa.
Desenvolvemento económico e social
O Plan Activamos naceu en 2014 a través dun acordo de colaboración entre o organismo provincial e a entidade financeira para impulsar a concesión de financiamento en condicións vantaxosas a empresas, familias e corporacións locais da Coruña. Inicialmente dispuxo dunha dotación de 72 millóns de euros, cifra que desde entón se multiplicou por dous, ata alcanzar un total de 149,1 millóns de euros canalizados a través da realización de 5.860 operacións de financiamento (crédito e pólizas).
Desde o arranque do Plan, as pemes e os autónomos, colectivos que constitúen a base do tecido económico da provincia, foron, con 139,64 millóns de euros (o 93,65% do total), os principais destinatarios do crédito concedido polo banco. Por usos, o financiamento de circulante, esencial para o día a día das empresas, foi o capítulo máis cuantioso, con 63,1 millóns de euros. Séguelle, con 57,47 millóns, o financiamento para a realización de novos investimentos. A continuación sitúanse o crédito para o emprendemento (16,23 millóns), a creación de novos empregos (1,7 millóns) e as actuacións orientadas á eficiencia enerxética (1,14 millóns).
Pola súa banda, as familias recibiron un total de 9,13 millóns de euros en financiamento e en menor medida as corporacións locais, solicitaron un total de 0,33 millóns de euros.