Conclusións da xornada “Propostas para o sector lácteo galego do futuro”
A Asociación Galega Terra e Leite demanda un plan estratéxico para o sector lácteo
A Asociación Galega Terra e Leite presentou a memoria sobre as conclusións e propostas recollidas durante a xornada “Propostas para o sector lácteo galego do futuro”, celebrada o pasado decembro de 2017 na sede da Fundación Juana de Vega.
Un documento baseado na recompilación das conclusións máis salientables e as 21 propostas que se rexistraron durante as xornadas, e que se desgranou nunha comparecencia ante os medios á que asistiron o presidente da Asociación Galega Terra e Leite, Xosé Turnes Paredes; o secretario da asociación e profesor da Universidade da Coruña, José Manuel Andrade Calvo; o doutor en produción leiteira e investigación, César Resch Zafra, e Xusto Sánchez, gandeiro e membro da xunta directiva da asociación.
O documento contén unha gran lista de propostas para facer fronte a desafíos como a volatilidade dos prezos nos mercados internacionais, a ampliación da base territorial das explotacións ou a modificación da política agraria comunitaria. Como proposta xeral, destacouse a necesidade de elaborar un plan estratéxico para o sector lácteo galego, liderado pola Xunta de Galicia contando coa implicación e o compromiso de todos os axentes involucrados na cadea de valor. Neste documento explícase como ese plan debe comprender medidas coherentes para o fortalecemento dos tres niveis da cadea de valor do sector: produción, industria e distribución, ademais de recursos orientados a unha verdadeira e efectiva organización da cadea láctea.
“A produción en Galicia é moi potente, pero ten debilidades como as eivas no tecido industrial ou moitos déficits no canal de distribución”, sinalaba Turnes, para admitir que se ben “sabemos que cambiar as cousas é moi complicado”, urxe recuperar o peso político que tiña o sector leiteiro, así como ocupar o lugar que lle corresponde neste ámbito tendo en conta que constitúe o 1,85% da riqueza en Galicia, por enriba do sector forestal, duplicando o téxtil e moi próximo á industria do automóbil”. Datos aportados por José Manuel Andrade, que máis aló dos balances económicos, destacaba o impacto do leite en aspectos como o mantemento da superficie agraria en moitas comarcas de Galicia, onde precisamente o sector lácteo é a base do sostemento económico e demográfico. Como debilidades Andrade citaba a escasa dimensión de base territorial das explotacións, o que as fai moi dependentes, con 8 hectáreas de media fronte ás 16 de territorios como Asturias ou Cantabria, ou as máis de 50 Has de Francia ou Alemaña.
Tamén estima preocupante o peche das explotacións, que noutros países estase a paliar con plans para vinculalas a non familiares da propiedade, de xeito que non quede abandonado todo ese investimento en maquinaria e equipamentos. Outra constante é a vulnerabilidade do sector en Galicia á volatilidade dos prezos, alimentada por unha política de cotas que rachou o equilibrio na produción e tirou os prezos.
Medidas propostas
Así as cousas, a asociación nas súas conclusións considera necesario tomar medidas para a revalorización do leite envasado, para a diversificación da produción industrial cara á elaboración doutros produtos frescos, queixos e outros produtos industriais, así como un aumento da capacidade de regulamento en produtos industriais e a capacidade exportadora do sector. José Manuel Andrade, manifestou tamén a necesidade de orientar os apoios públicos a aquelas industrias viables e a o desenvolvemento de novos produtos e acceso a novos mercados. Asemade reclamou accións de política industrial orientadas a captar investimento privado para a implantación en Galicia de proxectos industriais, tal e como se fai por exemplo no sector naval ou no do automóbil.
“Na maioría de casos non fan falla grandes investimentos senón utilizar o sentido común e elaborar un plan estratéxico común e compartido por todos”, afirmou Xosé Turnes, quen reclamouun pacto de estado que equipare o peso do leite ao seu papel estratéxico.