A convocatoria alcanza os 217 millóns de euros
A Xunta triplica as axudas da PAC para agricultura ecolóxica
O xefe do Executivo galego explicou que a nova convocatoria da PAC mantén elementos esenciais das anteriores pero “reformula a súa filosofía”. “Non se centra tanto nos requisitos que hai que ter para acceder ás axudas senón na consecución de recursos concretos”, indicou. O presidente resaltou que o obxectivo é ofrecer unha PAC “adaptada aos novos tempos e escenarios do rural”.
Dos 217 millóns de orzamento global para a convocatoria de 2023, uns 170 millóns de euros correspóndense cos pagamentos directos da PAC -que se manteñen con respecto a anos anteriores- e 47 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural asimiladas ao Sistema integrado de xestión e control (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), que se incrementan con respecto á convocatoria anterior. Así, cabe indicar que no tocante ás axudas ao desenvolvemento rural sobe a partida destinada ás achegas agroambientais (ata preto de 27 millóns), destacando as destinadas á agricultura ecolóxica que se incrementan ata os 9 millóns de euros.
Neste caso concreto, de xeito consensuado coas organizacións profesionais agrarias aprobouse un orzamento de 45 millóns de euros para o período completo da PAC, ao incrementarse anualmente en máis do 130% sobre o orzamento previsto inicialmente para 2023 (de 3,9 millóns de euros) e cun aumento do 183% na dotación en relación co destinado no 2022 (3,18 millóns). “Triplícase o orzamento para a agricultora ecolóxica, un sector cada vez con mais puxanza”, indicou Rueda.
demais, tamén se incrementan as axudas para extensificación das explotacións gandeiras ata chegar aos 13,65 millóns de euros. Cabe recordar que esta liña de achegas tamén contén un complemento para o pastoreo en concellos con presenza do lobo. Por último, as achegas para os pagamentos a zonas con limitacións naturais sitúanse nuns 18 millóns de euros e as forestais nos 2,25 millóns de euros.
Novidades da campaña da PAC
A nova PAC, que se aplicará de 2023 a 2027, conserva os elementos esenciais da PAC anterior, pero pasa de ser unha política baseada na descrición dos requisitos que deben cumprir os beneficiarios finais das axudas a ser unha política orientada á consecución de resultados concretos. Neste senso, búscase fomentar un sector agrícola intelixente, competitivo, resiliente e diversificado que garanta a seguridade alimentaria a longo prazo. Tamén se busca apoiar e reforzar a protección do ambiente, incluída a biodiversidade, e a acción polo clima e contribuír a alcanzar os obxectivos ambientais e climáticos da Unión, e por último, fortalecer o tecido socioeconómico das zonas rurais.
Así, os principais cambios da PAC 2023-2027 con respecto ao período anterior son a introdución dos ecorreximes, compromisos anuais e voluntarios “que implican que arredor do 25 % das axudas irán encamiñadas para un conxunto de prácticas beneficiosas para o ambiente”, entre as que se inclúen o pastoreo extensivo, o mantemento dos pastos, a rotación de cultivos, a agricultura de conservación, as cubertas vexetais e as superficies destinadas á biodiversidade, segundo explicou o presidente da Xunta.
A nova PAC inclúe tamén un pagamento redistributivo, pagamento complementario á axuda básica á renda para a sustentabilidade para as primeiras hectáreas de cada explotación, destinada a favorecer a redistribución de axudas cara ás pequenas e medianas explotacións, na súa maioría de carácter familiar e profesional. Tamén se establece unha condicionalidade social das axudas que se empezará a aplicar en 2024.
A remuda xeracional é outra das apostas fortes da nova PAC, con axudas específicas para os agricultores mozos e agricultoras mozas a través do pagamento complementario das axudas directas e os fondos destinados a impulsar a primeira instalación. Por último, Rueda resaltou que “outra das novidades reside en que as mulleres que se instalen á fronte dunha explotación agraria percibirán un 15 % adicional” no complemento da axuda á renda que reciben os mozos e as mozas.
Balance campaña actual de 2022
Malia que a campaña de axudas da PAC relativas ao ano 2022 aínda non finalizou (os pagamentos poden realizase ata o 30 de xuño), xa se levan pagados ata a data máis de 166,65 millóns de euros, dos cales 146,49 millóns foron en axudas directas e outros 20,16 millóns en axudas para desenvolvemento rural.