Dirixidas a pemes e grandes empresas
A Xunta lanza un programa de axudas para impulsar a eficiencia enerxética no sector industrial
Así o anunciou, en Santiago de Compostela, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, que presentou esta iniciativa que busca fomentar os investimentos en aforro e eficiencia enerxética no ámbito industrial.
A iniciativa, enmarcada no Programa estatal de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e gran empresa do sector industrial, conta cun orzamento de 16,1 millóns de euros e está financiado polo Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e polo Feder. Os interesados poden presentar proxectos tanto para a mellora da tecnoloxía en equipos e procesos industrias como para a implantación de sistemas de xestión enerxética. Contémplase unha axuda máxima dun millón de euros por proxecto, que poder chegar aos dous millóns no caso daquelas actuacións que xustifiquen a consecución de elevados niveis de aforro enerxético. En todo caso, a axuda máxima por empresa, que pode presentar máis dunha solicitude, será de cinco millóns de euros.
O prazo de presentación das solicitudes, que se tramitarán por vía telemática, estará aberto desde o 12 de setembro deste ano ata o 31 de decembro de 2020. Trátase dunha convocatoria de concorrencia non competitiva polo que os fondos se repartirán por orde de chegada. Desde a concesión, as empresas disporán de 24 meses para executar os proxectos.
Con esta convocatoria, a Xunta prevé reducir os custos enerxéticos da factura das empresas en 7,28 millóns de euros ao ano mellorando, deste xeito, a súa competitividade. Ademais do aforro económico e enerxético, agárdase unha redución das emisións do CO2 de preto de 25.000 toneladas anuais, é dicir, o equivalente á acción de 1,25 millóns de árbores.
Balance
Tal e como explicou o director xeral, a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu, nos últimos seis anos, un total de 1.182 axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nos sectores da industria, dos servizos e mais agrícola cun orzamento próximo aos 30 millóns de euros.
As iniciativas apoiadas -que incluíron desde a instalación de plantas fotovoltaicas de xeración eléctrica para autoconsumo a renovación de maquinaria ou substitución de iluminación, entre outras- permitiron un aforro enerxético equivalente ao consumo eléctrico de 75.000 fogares e unha redución de emisións correspondente á acción de tres millóns e medio de árbores.