O prazo de solicitude para optar ás axudas do Emprega Xuventude ábrese este mércores
A Xunta informa en Carballo dos seus programas de apoio ao emprego e ao emprendemento
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou no polígono industrial de Carballo nunha xornada para informar ao tecido empresarial dos apoios e programas autónomicos para impulsar a economía e o emprego local.
A reunión forma parte da rolda de contactos que Francisco Conde está a manter desde hai meses co empresariado local de Galicia para dar resposta desde a Administración ás súas demandas e necesidades.
Conde sinalou que a colaboración entre administracións e o tecido produtivo é imprescindible para que Galicia siga avanzando na estabilidade económica e laboral. Así, o mercado laboral galego atópase en niveis previos á crise, unha mellora que se traslada a nivel local. En Carballo o desemprego caeu no último ano nun 6,53%, un descenso que na comarca de Bergantiños chega ao -7,37%.
O conselleiro informou sobre o programa Galicia Emprega, co que o seu departamento apoia a formación e contratación de 1.100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Cun orzamento de 9,4 millóns de euros, un 9% máis que en 2018, apóiase a cualificación dos desempregados cun bono que oscila entre os 2000 euros e 4000 euros e incentívase a contratación con contías que varían segundo o colectivo que se apoie. As axudas base sempre aumentan nun 25% se é unha firma con máis de 50 traballadores e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70%; e noutro 25% se a actividade é estratéxica.
Apoio ao emprego
O prazo de solicitude para optar ás axudas do Emprega Parados de Longa Duración xa se abriu. Conta con axudas para a contratación de 12 meses, que suman como mínimo 5.000 euros, incrementándose ata os 10.000 euros se se trata dun contrato indefinido. O obxectivo é contratar a 250 persoas.
E a partir deste mércores 10 de abril poderán pedirse tamén os apoios de Emprega Xuventude. A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 2 millóns de euros para impulsar a formación e incentivar con 3.000 euros os contratos dun ano de duración, que acadarán o dobre (6.000 euros) no caso de contratos indefinidos. Estímase un número de beneficiarios de 330 menores de 30 anos.
Nas próximas semanas convocaranse tamén os programas Emprega Muller e Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social. As solicitudes en todos os programas resolveranse seguindo a orde de presentación.
Referido tamén ao impulso do emprego local, a Administración autonómica vén de resolver Aprol Rural: con 7 millóns permitirá a contratación de 531 desempregados en 268 municipios. Os traballadores e traballadoras realizarán tarefas relacionadas coa xestión do monte e a prevención de incendios nas faixas secundarias.
Apoio ao emprendemento
O titular de Economía referiuse tamén aos programas cos que a Xunta impulsa o emprendemento. O Plan de financiamento 2019 facilitará apoio a 800 proxectos de emprendedores, microempresas e pemes contribuíndo á creación dun tecido empresarial máis vinculado á Industria 4.0 e á innovación. Galicia Emprende forma parte deste obxectivo: cun investimento de 9 millóns de euros, ofrecerá axudas a novos emprendedores e autónomos para impulsar máis de 200 novos proxectos empresariais. Conde sinalou que esta nova convocatoria de axudas publicarase no DOG o próximo 17 de abril e incluirá unha liña específica para o rural.
Así mesmo, Conde puxo en valor a figura dos Concellos Emprendedores, como é o caso de Carballo, que ofrecen unha serie de vantaxes ás empresas que decidan implantarse no seu territorio, como é máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso ao solo industrial e máis incentivos fiscais.