Solicitudes, ata o 6 de novembro
A Xunta financia a creación de 207 axentes de emprego de desenvolvemento local
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a convocatoria de axudas, dotada cun presuposto de 2,2 millóns de euros, para apoiar aos concellos na implantación de políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.
Con esta medida, a Xunta busca financiar un total de 207 axentes de emprego de desenvolvemento local, noutros tantos concellos galegos, para que contribúan á dinamización da economía local e á xeración de novas actividades no rural.
Trátase dunha figura especializada na promoción do emprego que ten como funcións principais colaborar de cara á creación de actividade empresarial, actuar como promotores desa actividade e servir de asesores puntuais de proxectos de empresa e como prospectores de mercado.
Desta maneira, a Xunta potencia o papel da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia como motor do emprendemento e da creación de emprego co fin de apoiar a constitución de pequenas e medianas empresas, favorecendo un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.
Entre as actuacións desta Rede inclúense a promoción da igualdade de oportunidades e o acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, ao mesmo tempo que colaboran con axentes de interlocución social e outros axentes públicos e privados para xerar redes de confianza.
O prazo de solicitude destas axudas permanecerá aberto ata o 6 de novembro.