Prevé incentivos máximos de ata 19.500 euros
A Xunta eleva ata os 5,5 millóns de euros as axudas para impulsar o emprego nas cooperativas e sociedades laborais galegas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, este venres, a orde pola que se incrementa un 28%, ata os 5,5 millóns de euros, o orzamento da convocatoria das axudas destinadas a impulsar o emprego en cooperativas e sociedades laborais co obxectivo de chegar a case 600 beneficiarios.
O programa conta con dúas liñas de axudas compatibles entre si. A primeira, con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, principalmente, persoas desempregadas, poderá acadar agora as 193 entidades beneficiarias (57 máis grazas á ampliación). A segunda, para beneficiar a quen entre como socia ou cun contrato indefinido a unha destas entidades ou ben inicie a súa actividade por conta propia, poderá chegar agora a un máximo de 377 persoas (123 máis).
A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% de concorrer circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como ser muller ou maior de 45 anos, algunha discapacidade, persoas emigrantes retornadas ou residir en contornas rurais, entre outras.
Como novidade este ano, a orde incorpora ese 25% extra tamén no caso de cooperativas de nova creación que conten con catro ou máis socios. A Xunta de Galicia prevé así incentivos máximos de ata 19.500 euros de acumularse algunha destas variables para ambas as dúas liñas.
Desde o ano 2017, a Xunta leva investido máis de 26,9 millóns de euros nesta iniciativa, o que permitiu a incorporación de 1.731 persoas a cooperativas e sociedades laborais.